O Goberno de Narón "fuxe cara adiante" cunha concesión da auga sen garantías económicas
Denunciamos a "irresponsabilidade" do Goberno local ao manter a súa folla de ruta para privatizar o ciclo integral da auga a pesar de recoñecer explicitamente que o expediente está incompleto e carece de estudos económicos rigorosos.
Un recoñecemento implícito das eivas denunciadas na resposta ao noso requerimento.
A resposta do Concello ao requirimento presentado polo BNG que leva a pleno este mes, confirma as nosas peores sospeitas: o Goberno admite que o alcance cuantitativo e os custos reais do servizo non están delimitados neste momento. Malia que desestiman a nosa petición de suspender o proceso, os informes técnicos recoñecen puntos clave que o BNG leva meses sinalando: sen aval da Intervención (o Concello admite que a Intervención municipal non puido pronunciarse sobre a sustentabilidade financeira do proxecto por falta de documentación); custos "exóxenos" ocultos (recoñecen agora que custos fundamentais, como os de ACUAES e os interceptores, quedaron fóra da memoria inicial e terán que ser incluídos "a posteriori"); incerteza sobre a depuración (o Goberno de Ferreiro admite que non calculou o impacto real do novo escenario de depuración en Cabo Prioriño para 2026, unha variable que Intervención cualifica de "suficiente importancia" como para ser tida en conta).
Unha "fuxida cara adiante" que pagará a veciñanza
Dende o BNG cualificamos de "farsa" que se aprobe un modelo de xestión sen saber canto vai custar. "Están actuando por fe e non con datos obxectivos", afirma a voceira Olaia Ledo. O Goberno pretende agora fuxir cara adiante, fiando toda a viabilidade do contrato a un estudo posterior (EVAF), cando a lóxica administrativa dita que a viabilidade debe quedar demostrada antes de tomar calquera decisión política.
O informe da Deputación da Coruña, solicitado pola propia Alcaldía, deixa claro que non se poderá licitar o servizo sen ese Estudo de Viabilidade Económica e sen unha nova ordenanza de tarifas. Isto demostra que o acordo plenario de xaneiro foi un "brinde ao sol" para acelerar unha privatización sen as garantías mínimas.
4.310 sinaturas
O BNG reiteramos que a negativa do Goberno a realizar unha comparativa real de custos coa municipalización obedece a un interese puramente ideolóxico por manter o lucro privado. Seguiremos esixindo a suspensión deste procedemento e seguiremos na rúa explicando á veciñanza. “Neste mes recollimos xa 4310 sinaturas e é unha demostración de que a veciñanza de Narón está cansa das xestións privadas dos servizos públicos” declara Geno Carballeira, alcaldable polo BNG nas municipais do 2027.