Reclamamos investimentos e mantemento para a parroquia do Val

Instamos ao goberno municipal a saír do seu estado de "deixadez" e corrixir as deficiencias que sofre a parroquia do Val.
Reclamamos investimentos e mantemento para a parroquia do Val

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón vimos de facer pública a nosa preocupación polo estado de deixadez e a falta de mantemento que sofre a parroquia do Val por parte do Goberno municipal. Tras recoller as demandas da veciñanza e comprobar sobre o terreo as carencias da zona, instamos ao Concello que se poña a traballar de inmediato para corrixir unha serie de deficiencias graves que afectan directamente á calidade de vida, á seguridade e aos servizos públicos da contorna, comezando polo mantemento e ampliación do saneamento.

Unha das cousas que cualifican de lamentábel é o estado de desleixo que presentan os espazos de lecer e deporte da parroquia. A falta de mantemento do campo de fútbol municipal fai que presente importantes deficiencias que dificultan a práctica deportiva en condicións óptimas para os clubs e usuarios. Así mesmo, os nacionalistas apuntan á necesidade de actuar no parque infantil, onde faltan xogos para os máis pequenxs e o mantemento das zonas verdes que o rodean. E si falamos de espazos infantís falamos dun colexio para o cal a veciñanza demanda unha amplicación para poder estudar no mesmo todos os cursos de primaria, polo que piden que o goberno municipal axilice os trámites necesarios para solicitarllo á Xunta de Galiza.

Por outra banda, o desleixo do Goberno municipal atinxe tamén ao patrimonio natural e cultural do Val. A formación denuncia que a Senda Ártabra carece do mantemento máis básico e presenta unha sinalización deficiente, rota ou inexistente en moitos tramos, o que desluce o seu valor ambiental e supón un risco de perda para os sendeiristas. Unha situación de abandono que se repite no Camiño a Santo André, unha ruta de gran importancia histórica e turística que se atopa asolagada pola maleza, polo que reclaman un plan de limpeza e roza destas sendas durante todo o ano, non só nos momentos que se celebre algún tipo de festa ou romaría.

Desde o BNG de Narón conclúen advertindo que o rural naronés non pode seguir sendo o gran esquecido do Goberno local. Por iso, instan ao Executivo a escoitar as reclamacións veciñais e a reaccionar con dilixencia, investindo nos recursos necesarios para coidar o colexio, os parques, as instalacións deportivas e o patrimonio que pertencen a toda a cidadanía.

Reclamamos investimentos e mantemento para a parroquia do Val