A Asemblea local reúnese con periodicidade para decidir sobre campañas e asuntos que poden atinxir á vida municipal e ao conxunto dos naroneses e naronesas. Contamos con local propio na rúa 25 de Xullo. Na asemblea contamos cun Consello Local para atender de maneira eficaz asuntos que requiren atención tódolos días. A nosa responsábel local é Marta Grandall e, o vice-responsábel, Ánxel Rial. Ademais, tamén compoñen o Consello Local o grupo municipal coa súa portavoz, Olaia Ledo e os concelleiros Geno Carballeira e Beatriz Mosquera, ademais de distintas compañeiras da localidade como son Diana Lata, Daniel Cánovas, Manuel Teijeiro, Carlos González e Marcos Sánchez.
O local está aberto para encontros entre asociacións, Galiza Nova e para aquela xente que queira traballar e mellorar o futuro do país. Estamos abertos en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:30 (se é que non estamos inmersos nalgunha mobilización, recollida de sinaturas, charla ou falando coa veciñanza nalgunha parroquia).
Somos xente orgullosa de Narón e Queremos Un Mellor Narón, queremos que todas nos ilusionemos coa cidade, que non só vivamos nela se non que tamén poidamos desfrutala. Unha cidade e unhas parroquias feitas para a xente e pensadas de maneira inclusiva.
Ademais non nos aillamos do que nos rodea e por iso somos BNG , porque a nosa acción política ten visión de país, integradora dunha maioría social nun proxecto compartido no que poidamos decidir nós mesmas o que queremos, loitar para garantizar o progreso, o benestar e a xustiza social na Galiza e saber que o futuro vai ser mellor que o presente. Por iso, porque queremos o mellor para Galiza non somos alleas ao que acontece no mundo, traballamos para que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e que non teñan que poñer en risco a súa vida para buscar un futuro mellor. Non compartimos a hipocresía dun mundo capitalista que nos afoga e que quere facer cidadáns de primeira, de segunda e de terceira e por iso conquistamos esperanza a cada paso, para que o pobo galego avance.