Instamos ao goberno municipal a abandonar a parálise e poñer en marcha un plan de mantemento e mellora da parroquia de San Xiao

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón fixémonos eco das xustas demandas e o malestar da veciñanza de San Xiao ante o "estado de abandono" no que se atopa a parroquia. 
Instamos ao goberno municipal a abandonar a parálise e poñer en marcha un plan de mantemento e mellora da parroquia de San Xiao

A formación nacionalista instamos ao goberno local a abandonar a parálise e a poñer en marcha, de xeito inmediato, un plan integral de mantemento e mellora das infraestruturas básicas da zona. 

O estado das comunicacións en San Xiao é "deficiente e perigoso". Moitas das pistas da parroquia precisan de forma urxente un novo asfaltado dado o deterioro do firme. A isto súmase a falta de desbroces nas marxes das estradas e a proliferación de fincas privadas totalmente abandonadas e cheas de maleza. Desde o BNG advirtimos de que, coa proximidade do verán, esta situación supón un risco extremo de incendios forestais e esixen ao Concello que actúe de oficio e faga cumprir a normativa de xestión da biomasa.

Para este grupo municipal, a situación medioambiental en San Xiao é "intolerable". A falta de limpeza na canle do río provocou a aparición dunha preocupante praga de ratas que pon en risco a salubridade pública. Así mesmo, a situación na zona da Revolta é un exemplo claro da falta de previsión municipal. A rede de sumidoiros, que recolle de forma deficiente as augas pluviais, colapsa en canto se rexistran choivas intensas. Na parte baixa da Revolta, este problema tradúcese en atascos constantes que provocan que as augas fecais e a sucidade desborden cara ao exterior, co conseguinte foco de contaminación e cheiros.

Por outra banda, o BNG volvemos pór sobre a mesa unha demanda histórica e estratéxica: a construción de beirarrúas na Revolta. "É unha necesidade urxente para garantir a seguridade viaria das persoas, que hoxe teñen que xogarse o tipo camiñando polas marxes da calzada", indica Geno Carballeira, candidato á alcaldía.

Ante esta situación sostida no tempo, a veciñanza esixe unha intervención inmediata e coordinada para solucionar estas deficiencias antes de que os problemas vaian a máis. "Non somos veciños e veciñas de segunda. Pagamos os nosos impostos igual que calquera e o que pedimos son servizos básicos: seguridade nas estradas, salubridade no río e un sumidoiro que funcione", declaran os afectados.

 

Instamos ao goberno municipal a abandonar a parálise e poñer en marcha un plan de mantemento e mellora da parroquia de San Xiao