Esiximos un plan urxente de melloras no Couto ante o estado de abandono das súas infraestruturas e do seu patrimonio
Desde o BNG denunciamos o estado de abandono que sofren as súas infraestruturas viarias, as contornas sociais e algúns dos puntos máis emblemáticos do seu patrimonio natural e histórico, esixindo que se acometan as reformas necesarias para garantir unha calidade de vida digna.
Un dos problemas máis preocupantes concéntrase no Camiño do Lodairo, unha vía que desde a inauguración do novo centro de saúde xera graves problemas de seguridade. Os veciños consideran imprescindible que o Concello tome medidas inmediatas, ben sexa executando as obras necesarias para facer a estrada máis ancha, ou ben regulando o tráfico para que quede configurada como unha rúa dun único sentido de circulación cunha senda peoníl.
A falta de atención municipal é especialmente visible nas contornas do Centro Cívico e do Mosteiro do Couto, onde non hai un mantemento axeitado. A este desleixo hai que sumar o estado de abandono no que se atopa o parque, coas súas mesas e grellas, situado ao carón da vía do tren, detrás da Urbanización, un espazo de lercer público que hoxe presenta unha total falta de coidado. Así mesmo, o BNG alertamos do vertedoiro de lixo incontrolado no Camiño do Carro, unha imaxe lamentable que prexudida a salubridade e a paisaxe da zona.
Esta falta de mantemento tamén afecta gravemente á senda fluvial que vai dede o Mosteiro até Xuvia, un espazo natural de gran valor polo que transcorren o Camiño de Santiago e Santo André. Por outra banda, reclamamos desde o BNG a recuperación urxente e posta en valor do Muíño das Aceas, unha xoia histórica da parroquia que está totalmente esquecida por parte da administración.
“Nin o BNG nin a veciñanza do Couto pedimos luxos, tan só o mantemento básico que calquera parroquia de Narón merece,” indica Geno Carballeira, candidato á alcaldía.“O que está a pasar no Couto non é un feito illado, senón o reflexo dun modelo de goberno que ten abandonados a maioría dos barrios e parroquias do concello, xa que situacións como a do Camiño do Lodairo ou a falta de mantemento nos viais, a conservación do medio natural e do patrimonio histórico, é algo que reclamamos xa en varias ocasións debido á desidia que mostra o goberno escusándose sempre nas competencias doutras administracións”, declara Carballeira.