Geno Carballeira: "Lugo demostrou que hai outra forma de facer cidade fronte ao caos urbanístico que sufrimos en Narón"

423d1147-ad7e-4b60-b5b8-63d2ca5177a5
Visita a Lugo
O candidato do BNG á alcaldía, Geno Carballeira, visitou Lugo xunto ao grupo municipal e persoas do Consello Local para estudar a transformación da "cidade dos 5 minutos" e contrastar a calidade dos materiais e deseño de Lugo coas "chapuzas" do goberno de Narón da avenida da Solaina ou a contorna da praza do concello de Xuvia
Geno Carballeira: "Lugo demostrou que hai outra forma de facer cidade fronte ao caos urbanístico que sufrimos en Narón"

Unha delegación do Consello Local do BNG de Narón, encabezada polo seu candidato á alcaldía, Geno Carballeira, mantivo un encontro de traballo en Lugo co equipo de Rubén Arroxo para coñecer os detalles técnicos e políticos da transformación que viviu a cidade amurallada nos últimos sete anos. A visita tivo como obxectivo principal recoller solucións de mobilidade, accesibilidade e urbanismo para integralas no programa de goberno do BNG de Narón para 2027. Durante o percorrido polos barrios lucenses, Carballeira destacou a diferenza entre a planificación nacionalista e a execución do goberno local de Narón. O candidato puxo como exemplo negativo a Avenida da Solaina: "Mentres en Lugo se usan materiais de calidade, se humanizan as rúas e se pensa na accesibilidade real, en Narón temos unha Avenida da Solaina que é o exemplo perfecto do que non se debe facer. Unha obra con resultados deficientes, materiais pobres e que non resolve os problemas de mobilidade da veciñanza se non que incluso a empeora". O BNG de Narón interesouse especialmente pola "cidade dos 5 minutos", un modelo que permite gañar espazo público e mellorar o comercio local en toda a trama urbana, non só no centro histórico. Tamén analizaron o éxito do servizo de taxi a demanda para o rural, en marcha desde febreiro de 2026, como unha peza clave para conectar o territorio.

BNG de narón e Lugo na Muralla de Lugo, patrimonio da humanidade

 Unha paréntese ante a moción de censura. A visita produciuse apenas uns días despois de que unha moción de censura do PP apartase ao BNG do goberno lucense. Para Rubén Arroxo, portavoz municipal do BNG de Lugo, isto é só un "obstáculo temporal". "O traballo de sete anos está aí e as persoas senten o cambio. O PP pode ocupar os despachos agora, mais o modelo de futuro é o do BNG” indicou Arroxo. “En Lugo volverán gobernar nun ano e en Narón comezaremos a transformar a oitava cidade do país a partir de maio de 2027", sentenciou Carballeira. O BNG de Narón levará estas conclusións ao seu proxecto estratéxico, apostando por unha cidade accesible, con transporte público moderno e barrios onde o comercio e a veciñanza sexan os protagonistas, fuxindo do modelo de "obras mal executadas e concello estancado" que definen a etapa actual do concello.

Geno Carballeira: "Lugo demostrou que hai outra forma de facer cidade fronte ao caos urbanístico que sufrimos en Narón"