O goberno de Narón volve mentir cando di que inaugurarán o Muíño de Xuvia cos rodicios das moendas funcionando
Desde o Grupo Municipal do BNG denunciamos, xa no mes de xullo, que non se incluían as obras de limpeza de lodos no Muíño de Xuvia e que iso ía imposibilitar o normal funcionamento dos rodicios do muíño. O concello declarou nese momento que "as obras se prolongarían ata o mes de setembro e conseguirían que o muíño funcionase".
"O tempo pon a cada un no seu lugar", declara Marta Grandal, a nosa responsábel local. Cando denunciamos desde o BNG no mes de xullo que non se xestionara con Augas de Galicia a retirada de lodos que impedía a entrada de auga e que se activase o mecanismo dos rodicios xa pedimos tamén unha nova licitación e que non inaugurasen o Muíño sen que puidese funcionar como tal, "queren de cara a galería facer un paripé para que ese día se mova facendo obras que non corresponden ao muíño orixinal", declara Grandal.
Agora, no pleno de outubro, despois de preguntar e rogar con anterioridade para que se fixese unha nova licitación que permitise que as catro moendas se moveran como orixinalmente, a alcaldesa confirma a través dunha pregunta da nosa portavoz municipal, Olaia Ledo, o seguinte: "estase barrallando un novo proxecto para retirar residuos sólidos (...) pero si se vai cometer unha entrada de auga de maneira expositiva (...)".
"Preocúpanos que unha obra importante e que vai albergar o primeiro museo de Narón, con fondos EDUSI e unha cantidade importante posta pola Deputación da Coruña, non estea garantido a día de hoxe de que vaia estar restaurada como o que foi no seu momento, o muíño de moenda máis importante da Península Ibérica", declara a nosa portavoz municipal, Olaia Ledo.