Denunciamos o "abandono e desleixo" do goberno local co tecido asociativo da cidade
Presentamos unha moción para esixir a convocatoria inmediata das subvencións de concorrencia competitiva de 2026 e medidas de compensación polas axudas que o Concello deixou morrer o ano pasado.
A portavoz municipal, Olaia Ledo, cualificou hoxe de “irresponsable e pouco seria” a xestión do goberno municipal respecto ás axudas ao tecido asociativo. Vimos de rexistrar unha moción na que denunciamos que o Concello deixou a deber axudas a entidades que executaron actividades, incluíndo publicidade institucional, sen que o goberno chegase sequera a convocar as subvencións prometidas do ano 2025.
Ledo denunciou que moitas asociacións sociais, deportivas e culturais entregaron os seus orzamentos no primeiro trimestre do ano contando cuns ingresos que nunca chegaron. “As asociacións cumpriron a súa parte, organizaron as actividades e puxeron o logotipo do Concello na cartelería, pero o goberno falloulles”, explicou a nosa portavoz.
Respostas evasivas no Pleno
Lembramos que no pleno de abril preguntou Geno Carballeira (candidato á alcaldía no 2027) especificamente por esta situación, pero a resposta da Alcaldesa foi “irse pola tanxente”, falando unicamente das subvencións nominativas (que xa foran obxecto dunha moción nosa en febreiro para axilizar o seu pago) e gardando silencio sobre as de concorrencia competitiva.
“É un insulto ao traballo das entidades que se nos responda con evasivas cando hai asociacións que teñen hoxe un buraco económico nos seus balances por confiar na palabra deste goberno”, sinalou Carballeira.
Rexeitamos que se tente culpar ao persoal funcionario desta parálise. Para nós, o problema é a “nula planificación política”. E desde o BNG fora de quedar na queixa poñemos solucións a través desta moción pedindo que se convoque de inmediato as axudas de concorrencia competitiva do 2026; realizar vías de compensación por aquelas entidades que asumiron gastos en actividades de colaboración do Concello o ano pasado e que quedaron sen axuda pola falta de convocatoria; e por último, garantir un calendario claro para que as asociacións non volvan ser vítimas da improvisación de Marián Ferreiro e o seu equipo.