ESCOLLIMOS POR UNANIMIDADE A GENO CARBALLEIRA COMO CANDIDATO ÁS MUNICIPAIS DO 2027 NUNHA ASEMBLEA LOCAL REALIZADA NO MUÍÑO DE XUVIA
Geno Carballeira, candidato á alcaldía por Narón para as municipais de 2027
O 28 de febreiro de hai dez anos escollimos unha dirección nacional do BNG encabezada por Ana Pontón que nos deu moitas alegrías. E hoxe, dez anos despois, tivemos a nosa asemblea local para escoller ao noso vindeiro candidato nas eleccións municipais en Narón. Geno Carballeira, concelleiro actualmente polo BNG desde hai sete anos, dá o paso despois de ser escollido por unanimidade nun encontro onde a ilusión e as ganas de levar a Narón con rumbo certo rebosaron no Muíño de Xuvia.
Presentamos este sábado na asemblea local o que se calificou pola militancia que alí se achegou, como relevo natural no liderado da candidatura. Geno Carballeira, ata agora número dous do grupo municipal -e que se presenta despois de ser proposto polo consello local nunha asemblea participativa e onde a ilusión desbordaba- asume o reto de encabezar un proxecto que Marta Grandal, responsábel local, definiu coma "o motor de cambio que Narón precisa”
Olaia Ledo, actual voceira municipal, foi quen presentou a proposta e destacou na súa intervención a figura de Carballeira como unha persoa que une a "sabedoría, traballo militante, honestidade e humildade coa capacidade de xestión”. Pola súa banda, Geno Carballeira subliñou que a súa intención é "continuar co traballo feito e que queda por facer" de Ledo, quen deixa un BNG máis forte e organizado. O novo candidato puxo o foco na necesidade de "transformar os servizos sociais" e converter os espazos públicos en lugares para vivir e non só de paso “É o momento de que o BNG dea un paso adiante en Narón e ser alternativa de goberno. Nas últimas eleccións galegas acadamos máis de 6.000 votos na nosa cidade e quero hoxe asumir a responsabilidade de que Narón confíe en nós para gobernar o concello mirando á veciñanza de igual a igual” incidiu o vindeiro candidato ás eleccións “temos que fortalecer os servizos sociais tan deteriorados; crear espazos de ocio e seguros para a mocidade, espazos públicos interxeracionais; promover o comercio de barrio e un transporte digno para todos e todas no rural, nos institutos e nos polígonos que hoxe non existe” remarcou Carballeira concluíndo que o que precisa Narón é “un goberno do BNG onde toda a cidadanía sexa por fin de primeira no noso concello e, en definitiva, o mellor lugar para vivir. Con ilusión e esforzo conseguirémolo”.
A asemblea local tiña dous puntos: o primeiro para constituír unha comisión para as eleccións municipais aberta á militancia e simpatizantes e, un segundo, ao da escolla da persoa candidata, na que diferentes persoas pediron a palabra para agradecer o paso adiante de Geno Carballeira e poñendo en valor o seu paso polo tecido social, laboral, militante e o de xestión destes sete anos no concello sendo a voz valente no padroado de cultura, en Cosma ou defendendo o posicionamento do BNG a respecto dos orzamentos. Tamén houbo palabras para Olaia Ledo, por todo o que fixo e por todo o que seguirá a facer na localidade. A responsábel comarcal, Pilar Lozano, tomou a palabra para pedir un aplauso a toda a localidade e agradeceu que hoxe sexa a primeira asemblea da comarca en ter candidato para unhas eleccións muncipais. Os seus azos, folgos e traballo cundiu nunha asemblea fortalecida nestes últimos tempos e convencidas e convencidos de que o mellor está por vir e que é o momento de disputar á hexemonía a Terra Galega, en horas baixas pola súa mala xestión e falta de ideas para os retos que afronta Narón e o conxunto do país.