INICIAMOS UN NOVO REQUERIMENTO PARA PARALIZAR A LICITACIÓN DO SERVIZO DA XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA MENTRAS NON HAXA GARANTÍAS FINANCEIRAS NIN TÉCNICAS

Presentamos un novo requirimento oficial ante o Concello para manifestar a nosa oposición fronte ao avance da licitación do ciclo integral da auga. Esta decisión chega tras recibir unha certificación de urxencia do acordo plenario do pasado 30 de abril, remitida polo Goberno local antes sequera de que a acta fose aprobada, nun claro intento de acelerar os trámites a calquera prezo cando non existe un aval firme sobre a sustentabilidade financeira do proxecto.

INICIAMOS UN NOVO REQUERIMENTO PARA PARALIZAR A LICITACIÓN DO SERVIZO DA XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA MENTRAS NON HAXA GARANTÍAS FINANCEIRAS NIN TÉCNICAS

A nosa voceira, Olaia Ledo, advertiu de que o grupo municipal do BNG está a estudar co equipo xurídico a interposición dun recurso contencioso-administrativo se o Goberno local ignora este último requirimento. "Se o Concello segue adiante cunha licitación que o propio acordo recoñece que non ten os custos fixados nin o aval da Intervención, verémonos na obriga de abrir novas vías das que xa nos asesoramos xuridicamente” afirmou Ledo “para protexer os intereses da veciñanza e a estabilidade financeira de Narón”. Ante a gravidade das incertezas admitidas polos propios informes técnicos, solicitamos formalmente a paralización de calquera acto de preparación da licitación ata que os custos de ACUAES e o escenario post-2026 estean fixados mediante convenios firmes.

Incertezas que hipotecan o futuro de Narón

No escrito de oposición rexistrado, sinalamos catro puntos críticos que invalidan o procedemento actual: veto á xestión pública (o Goberno de Marián Ferreiro cualificou de "exorbitante" a xestión pública do servizo sen un estudo que o demostre. Isto lévanos a denunciar que a posición  crea un escenario de “incerteza crítica” o que podería provocar futuras reclamacións de equilibrio económico por parte da empresa privada a cargo do diñeiro público); falta de aval da Intervención (o acordo certificado admite que a Intervención Xeral "non pode pronunciarse sobre a valoración cuantitativa" da sustentabilidade financeira. Para nós, é inaceptable delegar esta responsabilidade nun estudo futuro (EVAF) cando debería ser a base para elixir o modelo de xestión); escenario de custos descoñecido (o Concello recoñece que o cambio de marco na depuración (EDAR Cabo Prioriño) a partir de 2026 é unha variable de "suficiente importancia" aínda non cuantificada); custos ocultos de ACUAES (denunciamos que se omitiron custos estruturais de amortización de interceptores que o operador actual (COSMA) xa asume, o que falsea a comparativa económica para prexudicar a opción da xestión pública directa). "Non imos permitir que as présas do Goberno local por privatizar un servizo esencial acaben derivando en futuras reclamacións económicas das empresas adxudicatarias a cargo das arcas públicas e do peto da veciñanza e por iso presentamos este novo requerimento confiando na vía administrativa e reclamando que o se inclúa ao expediente a nosa oposición como Grupo Municipal", concluíu Olaia Ledo.

INICIAMOS UN NOVO REQUERIMENTO PARA PARALIZAR A LICITACIÓN DO SERVIZO DA XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA MENTRAS NON HAXA GARANTÍAS FINANCEIRAS NIN TÉCNICAS