ESIXIMOS RESPONSABILIDADES AO CONCELLO POLA INTOXICACIÓN ALIMENTARIA NO MANUELA PÉREZ SEQUEIROS
Desde o grupo municipal do BNG de Narón queremos facer pública a nosa profunda preocupación e total apoio ás familias afectadas polo grave episodio de intoxicación alimentaria acontecido tras a xornada do Club de Debate "Alingua" o pasado martes 3 de marzo e que afectou tamén a persoas usuarias do centro de día. Tras escoitar as denuncias de FEANPAS e de familias que se achegaron para informarnos, esiximos ao goberno municipal unha actuación inmediata e contundente.
Un risco inaceptable para a saúde pública
Segundo a información recadada persoas participantes de centros como o IES As Telleiras, Terra de Trasancos, Canido, Saturnino Montojo, Breamo e Santiago Apóstolo, o alumnado e parte do profesorado comezaron a presentar síntomas posíbeis de gastroenterite aguda tras xantar no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros, centro municipal de Narón.
O xantar contratado pola entidsde organizadora ao centro socio comunitario do concello de Narón é xestionado pola DOMUSVI. No BNG esiximos que o concello se faga responsábel do acontecido e esixa á concesionaria unha atención inmediata ás familias. “Dende o BNG consideramos inadmisible que nunha actividade na que se fai uso dun espazo municipal non se garanticen as mínimas condicións de seguridade alimentaria, o concello ten que actuar xa e pedir disculpas se é necesario. No BNG levamos tempo denunciando os recortes e a situación do Manuela Pérez e pensamos que agora é necesaria unha explicación pola suposta contaminación no xantar das xornadas “Alingua”, xornadas de debate escolar sobre saúde mental xuvenil que son de grande interese e que se deben realizar," indica Olaia Ledo, a nosa portavoz.
"Dende o BNG non imos permitir que se poña en risco a saúde da nosa mocidade. O Manuela Pérez, por desgraza, leva tempo acumulando queixas polo que pedimos que Marián Ferreiro dea a cara e responda ante as familias de xeito inmediato", declara Olaia Ledo, “Pedimos desde xa unha investigación e auditoría, que se poña en marcha unha sanción económica de confirmarse a orixe da contaminación e posíbel rescisión do contrato. Por todo isto tamén presentaremos unha moción a pleno este mes” afirma Ledo .