O BNG de Narón aproba en asemblea o primeiro tramo da súa candidatura para as municipais 2023 por unanimidade
O BNG de Narón realizou unha asemblea local este xoves 19 de Novembro ás oito do serán do que saíu aprobada o primeiro tramo da candidatura co que concorrerán ás eleccións municipais de maio. Estamos preparadas e preparados para gobernar e por iso damos un paso ao fronte.
O BNG de Narón segue a dar pasos cara adiante neste ano electoral. Este xoves 19 de xaneiro tivemos asemblea local no que aprobamos por unanimidade facer público o primeiro tramo da candidatura. Un primeiro tramo con novidades no que, ademais de repetir Olaia Ledo, portavoz municipal e traballadora autónoma no sector do audiovisual e o marketing; e Geno Carballeira , membro da directiva da AVV Naveira de Doso e técnico no sector de seguridade como candidata á alcaldía e nº2 respectivamente, inclúen persoas como Bea Mosquera de nº3, traballadora de servizos culturais, e implicada no tecido asociativode Narón desde a A.C. “Vai rañala meu” de Sedes; Manu Teijeiro, veciño do Val, carpinteiro de profesión, traballador no sector industrial de Narón e que foi presidente da asociación de veciños “os irmandiños do Val”; Carlos González, veciño de Freixeiro, sindicalista e que vén do sector das enerxías renovábeis; Dolores Prieto, directora da Galiña Azul de Xuvia ; e Nicolás Manso, veciño de San Mateo, ligado ao deporte de base e traballador de Navantia.
En total sete nomes no que, desde o BNG, salientamos a nosa experiencia en diferentes eidos e o coñecemento de Narón “presentamos non só unha parte da candidatura, presentamos un equipo para traballar e gobernar Narón. Desde o BNG queremos transformar a realidade e mellorar a vida das veciñas e veciños. Para iso hai que crer en todas as potencialidades da nosa cidade, integrar o rural e o urbano e afortalar os servizos públicos. Sabemos que ser do BNG implica ter ideas e unha marca nos concellos en si mesma revolucionaria. Alí onde está o BNG os concellos son vangarda: falemos de San Sadurniño ou Moeche ou falemos de Pontevedra, Allariz ou Carballo. Narón non só ten que ser un lugar para vivir se non que ten que ser o lugar onde teñamos todas as oportunidades e servizos. Hoxe, con toda a asemblea e simpatizantes comezamos desde o bloque o camiño para conseguir uns resultados históricos” declara Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón “Nós somos a alternativa de esquerdas e nacionalista no noso concello; hai catro anos presentámonos coa ilusión de poder mellorar Narón e cun proxecto sólido, agora temos a certeza de que é posíbel facelo realidade. Grazas ao noso traballo estes anos melloráronse moitas cousas e agora é o momento; ilusión , forza, xenerosidade e ganas non nos faltan” incide Olaia, a nosa candidata á alcaldía.