Vergoñento que a Xunta non entregue a vivenda de protección oficial adxudicada en Narón a unha veciña hai máis dun ano.

Vergoñento que a Xunta non entregue a vivenda de protección oficial adxudicada en Narón a unha veciña hai máis dun ano.

Geno Carballeira, candidato á alcaldía, Beatriz Mosquera, concelleira, e Mon Fernández, deputado do BNG no Parlamento Galego, mantiveron un encontro cunha veciña que se atopa nunha grave situación de indefensión: ten adxudicada unha Vivenda de Protección Oficial (VPO) na localidade desde hai máis dun ano, pero a día de hoxe aínda non lla amosaron nin lle deron unha data para a entrega de chaves.

A afectada denunciou que, ao longo de todos estes meses, foi incapaz de obter ningún tipo de resposta nin por parte da xestora nin por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Xunta de Galicia. Un muro de silencio que lle impide planificar a súa vida a pesar de contar cun dereito recoñecido.

Geno Carballeira cualificou a situación de “auténtica burla e falta de humanidade. Estamos a falar dunha persoa que cumpriu con todos os requisitos e que leva máis de doce meses petando en portas sen que ninguén sexa quen de dicirlle por que non pode nin ver o seu futuro fogar”.

O deputado Mon Fernández avanzou que o Bloque Nacionalista Galego trasladará este caso ao Parlamento de Galicia para esixir explicacións directas á Consellaría de Vivenda. O deputado nacionalista cualificou de “escándalo” que en plena crise habitacional o Goberno galego teña vivendas pechadas a cal e canto e ignore as reclamacións lexítimas das persoas adxudicatarias, “non é entendible por que a Xunta ten, ou permite que empresas inmobiliarias teñan, vivendas protexidas baleiras mentres hai familias agardando por elas por culpa da burocracia ou da especulación de tempos”.

Vergoñento que a Xunta non entregue a vivenda de protección oficial adxudicada en Narón a unha veciña hai máis dun ano.