SOLICITAMOS UN SISTEMA PÚBLICO E TRANSPARENTE CON MAPAS INTERACTIVOS PARA CONTROLAR A ROZA E LIMPEZA DAS VÍAS NO RURAL

Rexistramos unha moción ante as continuas queixas veciñais pola falta de mantemento e a perda de visibilidade e a inseguridade nas estradas das parroquias.

SOLICITAMOS UN SISTEMA PÚBLICO E TRANSPARENTE CON MAPAS INTERACTIVOS PARA CONTROLAR A ROZA E LIMPEZA DAS VÍAS NO RURAL

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Narón vimos de rexistrar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno ordinario co obxectivo de pór fin "á desconexión" entre a xestión do goberno local e a realidade que viven os veciños e veciñas do medio rural. A iniciativa reclama a creación dun sistema público de planificación, seguimento e transparencia para as actuacións de roza e limpeza viaria. O candidato á alcaldía polo, Geno Carballeira, esixe "pasar das escusas aos feitos" cun calendario anual e un mapa dixital accesible a toda a cidadanía.

Desde o BNG sinalamos que o mantemento axeitado das pistas e camiños municipais é unha competencia básica e un servizo esencial para garantir a seguridade viaria, a prevención de incendios forestais e a calidade de vida nas parroquias. Porén, a persistencia das queixas veciñais ano tras ano por mor da maleza que invade as marxes das estradas, reduce a visibilidade en cruces e curvas, dificulta o tránsito e pon en evidencia que o sistema actual non funciona como debería.

O noso candidato á alcaldía de Narón, Geno Carballeira, amosouse tallante ante a actitude do actual executivo municipal "Os veciños e veciñas das parroquias están fartos de que o goberno local lles diga que todo se fai correctamente mentres teñen que xogarse o tipo en curvas sen visibilidade e camiños invadidos polo mato. Non podemos seguir gobernando a golpe de improvisación nin dándolle as costas ao medio rural."

 

SOLICITAMOS UN SISTEMA PÚBLICO E TRANSPARENTE CON MAPAS INTERACTIVOS PARA CONTROLAR A ROZA E LIMPEZA DAS VÍAS NO RURAL