"Abandono absoluto" da parroquia de San Mateo e ruína das súas infraestruturas
Unha das principais frontes da denuncia céntrase na seguridade viaria. Hai que sinalar que a estrada principal que conecta a parroquia co polígono industrial carece por completo de beirarrúas, o que obriga aos peóns a transitar polas marxes do vial con evidente perigo para as súas vidas. A situación agrávase polo feito de que a calzada non conta con carrís marcados para ordenar o tráfico de vehículos. A isto súmase o incumprimento sistemático do contrato de roza de viais, xa que non se están a realizar as catro actuacións anuais estipuladas, permitindo que a maleza invada a estrada e reduza drasticamente a visibilidade.
Así mesmo, facemos fincapé no pésimo estado no que quedaron diversos camiños municipais tras a instalación do servizo de alcantarillado. Lamentamos que, unha vez rematadas as obras do saneamento, o concello deixase estas vías sen asfaltar. Podemos falar do camiño das Murallas ou o do Carabuchal, que se atopan nun lamentábel estado a día de hoxe.
Por outra banda, é un "auténtico drama" a situación do campo de fútbol de San Mateo, cuxas instalacións se atopan nun estado de ruína desde hai anos debido á total desidia municipal. Esta falta de mantemento tivo un impacto directo na vida social da parroquia, provocando a extinción do histórico equipo de fútbol local e forzando a marcha do resto de entidades que utilizaban o recinto.
Os vestiarios do campo carecen de electricidade, non dispoñen de auga quente e, en moitas ocasións, nin sequera teñen subministración de auga corrente, ao que se suma a total ausencia dun sistema de limpeza. Ademais do perigo que representan as valas perimetrais de ferro orixinais, que seguen en pé a pesar de supoñer un risco físico directo para calquera persoa que intente realizar actividade deportiva no recinto. Por todo isto, esiximos ao goberno de Narón unha intervención urxente e integral que devolva a San Mateo a dignidade e os servizos que merece.
"Non é de recibo que a veciñanza de San Mateo pague os seus impostos coma calquera outra do municipio mentres o goberno local lles dá as costas, permitindo que se perdan entidades sociais e deportivas por pura desidia", conclúe Geno Carballeira, candidato á alcaldía polo BNG.