Esiximos un novo Plan Director para A Solaina ante o "desastre" das humanizacións e o abandono do Centro Cívico
Geno Carballeira, candidato á alcaldía, critica que o Goberno local gaste cartos públicos en "experimentos mal executados" mentres incumpre a promesa dos aparcadoiros disuasorios e deixa caer o tecido asociativo.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón facemos eco do profundo malestar e da indignación da veciñanza do barrio da Solaina ante o que consideramos unha "nefasta xestión urbanística e social" por parte do Goberno municipal. Desde a formación nacionalista urximos a posta en marcha dun novo Plan Director integral para a zona que poña fin á política de "parches e experimentos" que está a devaluar a calidade de vida no barrio.
Geno Carballeira, cualifica de "auténtica vergoña" o resultado das obras de humanización levadas a cabo na Avenida da Solaina. "Estamos ante un proxecto que sufriu un sobrecusto escandaloso e que, porén, presenta hoxe uns remates nefastos, con materiais que xa están desfeitos e unha falta de previsión alarmante que non distingue claramente os espazos peonís dos reservados para os vehículos, co risco que iso supón para a seguridade viaria", denunciou o candidato á alcaldía do BNG. Desde o BNG tamén lamentamos o "absoluto desleixo" coas zonas verdes, sinalando que as árbores e xardíns plantados están practicamente mortos pola falta de mantemento.
Ante o inicio dos novos traballos na rúa Reis Católicos, compartimos o temor e a desconfianza dos residentes: "A veciñanza ten medo de que se repita o mesmo fiasco que na Avenida da Solaina, un temor totalmente fundado vendo os precedentes de mala execución do Goberno local". Ademais, temos que lembrar o incumprimento sistemático das promesas de mobilidade, denunciando que as prazas de aparcadoiro disuasorio que se prometeran "para antes de comezar as obras" seguen sen aparecer meses despois, provocando un grave prexuízo para os veciños e para o comercio local.
Abandono do corazón asociativo do barrio
Por outra banda, o BNG poñemos o foco na deplorable situación na que se atopa o Centro Cívico da Solaina, un espazo estratéxico que acolle a multitude de entidades sociais e deportivas e que conta cunha enorme actividade diaria. "É inadmisible que o corazón social do barrio estea cheo de humidades, con desprendementos de pintura nas paredes e unha imaxe de abandono absoluto", sinala Carballeira, quen esixe ao Executivo local que actúe de inmediato para arranxar de xeito integral unhas instalacións que son fundamentais para o benestar da veciñanza.
Para o BNG, A Solaina non pode seguir sendo o escenario de "probacións e improvisacións" dun Goberno esgotado. Por iso, os nacionalistas instamos a reorientar as políticas urbanísticas cara a un novo Plan Director serio, escoitado e consensuado coa veciñanza, que garanta uns servizos públicos dignos, unha mobilidade ordenada e o mantemento real das infraestruturas do barrio.