Defendemos no pleno os dereitos laborais e as melloras no rural fronte á política de parches económicos do Goberno local
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón fixemos valer hoxe no Pleno Ordinario o noso modelo de alternativa política, centrada na defensa dos servizos públicos, ao respecto ao rural e a dignidade das traballadoras e traballadores, fronte á parálise e á improvisación económica do goberno municipal.
Defensa do rural e dos dereitos laborais.
O grupo municipal nacionalista presentamos dúas mocións: unha en defensa da clase traballadora contra a criminalización das baixas laborais e outra para esixir un plan integral de rozas que garanta a seguridade no rural que foron aprobadas. Votamos en contra dos modificados de crédito por presentarse sen un orzamento estruturado, malia apoiar o pago de compromisos imprescindíbeis como o persoal de bombeiros, policía e servizos coma Urbaser.
Geno Carballeira, defendeu as dúas mocións coma “de gran calado social e veciñal”. A primeira delas centrouse na defensa da clase traballadora galega fronte á campaña de criminalización das baixas laborais promovida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Desde o BNG lembramos que Galiza sitúase como a segunda comunidade co índice máis baixo de baixas laborais de todo o Estado e que o verdadeiro problema radica no colapso da Atención Primaria e as listas de espera do Sergas, que demoran os diagnósticos e as recuperacións. Por outra banda, trasladamos ao pleno as demandas dos veciños e veciñas das parroquias cunha moción que esixe un plan integral de rozas e mantemento de vías.
A respecto dos modificados de crédito.
No plano económico, mantivemos unha postura de responsabilidade e coherencia ao votar en contra dos modificados de crédito incluídos nos puntos 19, 20 e 21 da orde do día. Carballeira declarou "Moitas das cuestións que hoxe se traen a aprobación de xeito urxente e fragmentada tiñan que estar recollidas de entrada nuns Orzamentos Municipais aprobados en tempo e forma, que son a ferramenta legal para planificar o ano. Non se pode gobernar un concello como Narón a base de parches constantes e improvisación orzamentaria, evitando o debate estrutural de cara a toda a veciñanza",