O BNG DENUNCIA O ESTADO DE ABANDONO DE VIVENDAS PÚBLICAS EN XUVIA
O grupo municipal do BNG de Narón rexistrou o venres 16 unha moción municipal para denunciar a situación "de auténtica vergoña" que sofren as familias do edificio de Vivendas de Promoción Pública (VPP) situado na Rúa Telleiras № 3 no barrio de Xuvia. O inmoble, cuxo promotor é o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), presenta un estado de abandono que se tornou nun "pesadelo" para os seus residentes. A moción foi precedida dunha visita ao edificio co presidente da comunidade de veciños, José López, e onde coñecimos de primeira man a situación dos veciños e veciñas.
Desde o BNG denuncian que a Xunta ignora as súas obrigas como propietario maioritario xa que é o IGVS é o propietario de 30 das 35 vivendas do bloque e por iso, ademáis da moción municipal o BNG rexistrará este luns as reclamación das veciñas e veciños o edificio e fará preguntas á consellería no Parlamento Galego. Afirman que a administración autonómica ignora as súas obrigas de mantemento, deixando desamparadas ás familias e cargando sobre os 5 propietarios particulares unha responsabilidade económica e xurídica inasumible. Segundo o BNG, as pequenas reformas feitas no pasado a raíz da denuncia en prensa das persoas inquilinas foron insuficientes e non atallaron un problema estrutural onde "literalmente chove polas paredes".
As patoloxías do edificio (que foi rematado no 2013) afectan gravemente á habitabilidade e á saúde das persoas debido ás humidades e fungos; as inundacións nas vivendas e zonas comúns; o risco eléctrico nos contadores, rochos e elevadores ou o deterioro físico visíbel con caída de azulexos de zonas comúns e fendas nas paredes por entrada de auga.
Desde o BNG denuncian que a comunidade de propietarios presentou unha reclamación formal o pasado 10 de marzo de 2025solicitando unha reunión presencial con responsábeis do IGVS pola necesidade dunha derrama extraordinaria, sen recibir resposta efectiva ata o momento. O informe técnico para a derrama xa supuxo 3.500 euros en gastos sen que a Xunta colaborase (que é propietaria do 85% das vivendas). “Venden a bombo e prato que van facer 91 vivendas públicas en Narón este ano cando nin tan sequera son capaces de ter ben as que xa lles pertencen e nas que se están a comportar como un fondo voitre. Desde logo no BNG non imos permitir que a Xunta de Galiza sexa o propietario maioritario dun edificio onde as crianzas dormen entre fungos e onde os veciños e veciñas teñen que pedir un crédito para denunciar á súa propia administración. Que o solucionen xa ou que dean explicacións en Narón e no Parlamento Galego” indica Olaia Ledo, portavoz municipal
Cales son os acordos que o BNG propón ao Pleno? A través desta moción, o BNG solicita que o Concello de Narón acorde esixir ao IGVS o abono inmediato do 85% da derrama que lle corresponde como propietario maioritario. Así mesmo, o BNG propón que o Concello inste á Xunta a realizar unha auditoría técnica externa e a convocar unha reunión urxente para establecer un cronograma de obras antes de que finalice o presente semestre. A formación nacionalista tamén solicita que o Concello apoie institucionalmente calquera acción xudicial que emprendan os veciños se o IGVS non responde nun prazo de 30 días.