Levamos ao parlamento galego a nosa campaña a prol dunha residencia de maiores
A crise sanitaria pola COVID-19 puxo en evidencia as eivas do actual modelo de residencias que impera en Galiza. Á falta de persoal suficiente de atención directa engádese a escaseza de prazas públicas e preeminencia de grandes centros residenciais que, de media, superan o medio cento de usuarias.
Desde o BNG de Narón recollen sinaturas desde a semana pasada e hoxe a portavoz parlamentar do grupo, Ana Pontón, asinou e defendeu a campaña que tamén se escoitará no parlamento galego.
O Concello de Narón cunha poboación próxima aos 40.000 habitantes, máis de 8.000 por riba dos 65 anos, na actualidade só dispón de 30 prazas concertadas nunha das súas residencias de maiores que se atopan na localidade, (ningunha delas pública).
"Desde o BNG sempre defendemos os dereitos sociais das persoas e poñemos a éstas no centro de todo, polo que consideramos que o modelo actual dos servizos sociais ten que mudar para que dunha vez por todas as persoas sexan o centro de todo e teñan dereito a unha vellez digna" declaran no BNG.
Por todo o exposto presentamos no Parlamento, a través do Grupo Parlamentar, pregunta para que valoren o número de prazas e os centros que temos agora mesmo no noso concello, que valoren os servizos sociais que se ofrecen e si teñen pensado dotar dunha residencia de maiores PÚBLICA a Narón.