CON RESPONSABILIDADE E COÑECENDO QUE ESTES DOUS ANOS INCIDIMOS E CONSEGUIMOS MELLORAR NARÓN CO NOSO TRABALLO DAMOS UN PASO MÁIS E RECLAMAMOS NOVOS INVESTIMENTOS NA NOSA CIDADE

Rexistramos propostas concretas para os orzamentos 2022 de Narón

Temos dous anos de lexislatura por diante onde hai marxe para facer, dous anos onde as bases para un plan de mobilidade e un PXOM acaído pode modificar para sempre o noso concello sen perigosas distincións que poidan beneficiar só a uns poucos e poucas. Dous anos no que xa sabemos grazas a unha pandemia que non todo pode estar controlado pero no que os servizos públicos son fundamentais para o benestar todas as naronesas e naroneses e que ese benestar acádase en comunidade, compartindo espazo público no que todas as persoas sexamos iguais.
Rexistramos propostas concretas para os orzamentos 2022 de Narón

Nós non somos de mirar o pasado, quen coñece un pouco ao BNG sábeo, o noso obxectivo e sempre transformar a realidade, sen ataduras e cara adiante. É por iso que sabemos que fican dous anos onde podemos seguir incidindo desde a nosa posición como até agora (radioloxía, cidades que camiñan, moción do Muíño das Aceas e contra a herba da pampa invasora, moción a prol dos dereitos LGTBQ e programas específicos, propostas de mobilidade, limpeza e retirada de escombros en determinadas zonas, moción a prol da fibra óptica para todo o concello, traballo en igualdade, charlas, encontros formativos...), conseguir máis logros e sumar entre todas e todos para facer realidade o mellor Narón.

Desde a oposición construtiva o BNG de Narón fai esta proposta que considera necesaria para os orzamentos do 2022. Nela falamos de orzamentos máis participativos, de recuperación de edificios históricos, de investir onde non se soe investir, de programas onde o cultural, o deportivo e o social únense da man para avanzar cara o mellor Narón. Facémolo de maneira valente e decidida porque sabemos que, só desexando primeiro e traballando despois, podemos axudar a mudar as cousas e porque queremos que Narón avance coma ese lugar onde ninguén queira marchar.

A nosa proposta está aberta ao debate, á participación ou a suxestión, diso depende o que o goberno de Narón queira facer. Vimos duns orzamentos nos que votamos en contra por non cumprir expectativas, porque unha vez máis atopabámonos cunha porcentaxe mínima de novos investimentos pero vimos, neste caso de maneira positiva, como coa modificación de crédito púidose adquirir o Muíño das Aceas ou se comeza a facer real, sobre o mapa, a mellora no barrio da Solaina. Agora podemos seguir a avanzar como naronesas e naroneses. E aquí van as nosas ideas. Ideas debatidas, consultadas e propostas neste documento.

 

PROPOSTAS AOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE NARÓN DO 2022

O primeiro no que queremos incidir é que é o momento de mirar cara as parroquias, barrios e lugares con menos investimento, algúns case nulo para buscar a aequidade e giualdade de todos os veicños e veciñas

1. ACCESIBILIDADE E MOBILIDADE

- Incluír unha partida plurianual que se incrementará todos os anos de cara a mellorar a accesibilidade e mobilidade en todo o concello facendo un Plan Director de cada barrio e chegando a comunicalos entre eles.

O traballo a realizar deberá ir na dirección de conseguir espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais, centros de socialización e convivencia.

2. SERVIZOS SOCIAIS

  • -  Destinar o 1% dos orzamentos a igualdade.

    A aposta pola igualdade e a inclusividade debe ser unha prioridade do Concello e isto hai que demostralo todos os días con traballo, compromiso e a adopción de medidas na propia acción directa, tecendo rede con entidades e colectivos para facer da igualdade de xénero unha prioridade social.

  • -  Centro de Día.

    A poboación de Narón aumentou nas últimas décadas e as nosas maiores non contan con lugares de convivencia suficientes. O actual Manuela Pérez Sequeiros precisa de melloras integrais no edificio e queda afastado das parroquias, limitando o uso de persoas que si puideran ser usuarias do servizo pero que carecen de transporte que se achegue a el. A construción dun novo Centro de Día público que cubra as necesidades do rural, engadiría máis prazas para Narón e achegarmos os servizos a toda a poboación. Unha localización posíbel e no edificio da Fundación Terra de Trasancos na parroquia do Val.

  • -  Novo tellado no Centro Manuela Pérez Sequeiros.

    Os remendos poden ser bos nalgún casos pero non cando se trata do tellado dun edificio con pingueiras e no que nace a herba. Puxéronse uns paneis na parte frontal do edificio para as humidades pero non se reparou a cuberta polo que as deficiencias son as mesmas. Nestes orzamentos temos que pasar dunha obra

 

menor a unha mudanza da estrutura do tellado e a un estudo de todo o edificio e facer reparacións de carácter maior .

3. CULTURA E PATRIMONIO

  • -  Recuperación do noso patrimonio.

    Narón ten un Patrimonio Cultural, material e inmaterial, en todo o Concello e que é mostra da nosa identidade. Para darlle un valor real o noso patrimonio debe ser parte do coñecemento conxunto, e que a súa posta en valor serva para desenvolvemento cultural e educativo e un dinamismo social de cara a presentar Narón de cara fóra.

    Proposta: Desde o BNG pulamos pola adquisición do Muíño das Aceas e chegou a facerse, agora pedimos que nos orzamentos se pule pola súa recuperación. É preciso ademais facer un inventario de edificios históricos que o tempo está a levar á ruína e adquirilos para a súa recuperación, posta en valor e abrilos á cidadanía para diferentes usos e servizos públicos do concello. Exemplos claros son a Casa de Chamorro ou San Román e darlles unha vida útil dentro da actividade do noso concello.

  • -  Derrubamento do antigo cuartel da garda civil de Xuvia.

    Este edificio é unha mostra do deterioro que están a sufrir moitos edificios en Narón sendo necesario o seu derrubamento e pensar no uso que se lle vai dar a esa parcela. Isto é valorado así polo concello desde hai tempo pero agora é necesario facelo efectivo, que a veciñanza opine sobre os diferentes usos que pode albergar esa parcela e que se reflexe nos orzamentos.

4. MEDIO AMBIENTE - Ruta dos Muíños.

Partida específica anual para a recuperación e adecuación da mesma tendo en conta que hai zonas de pouca accesibilidade e outras, na actualidade, perigosas.

5. RURAL
- Investimentos no rural.

Temos parroquias do rural sen saneamento como poden ser parte de Pedroso e a parroquia de Doso polo que é preciso seguir avanzando na construción do mesmo ata que cheguemos a dar servizo a toda a veciñanza.

 

  • -  Campo da feira de Sedes.

    No campo da feira de Sedes existen unhas instalacións que precisan un reacondicionamento para poder recuperar a feira mensual que se facía na parroquia e para que se atopen en condicións cando se celebran o resto das feiras anuais que alí se celebran. Son unhas instalacións, ademais, que deberían poder ser utilizadas por outras asociacións do concello para distintas actividades sempre e cando se atopen en óptimas condicións.

  • -  Cubrir a pista polideportiva de Doso

    As veciñas e veciños de Doso hai anos que lle solicitaron ao concello unha cuberta para a pista polideportiva, lugar onde se celebran actividades culturais como a Esfolla, a festa dos liscos ou outras promovidas pola Asociación de Veciños principalmente.

6. DEPORTES

  • -  Construción dunha segunda piscina climatizada.

    Construción dunha segunda piscina climatizada en Río Seco, coa idea de cubrir prazas para a maior parte da veciñanza de Narón estando nunha zona máis preto das parroquias rurais e de chegar a facer un complexo deportivo na zona.

  • -  Instalacións do clube de piragüismo e do clube de remo.

    Existen en Narón dous clubes que non teñen unhas instalacións en condicións para poder gardar o seu material. O clube de remo da Gándara gárdaas nunhas instalacións que están totalmente deterioradas e nas que non teñen espazo para os deportistas e o clube de piragüismo en Xuvia está facendo uso do baixo que se lle deu e que hoxe fica afastado do lugar onde practicar o deporte, polo que a adecuación do mesmo para un clube deportivo é nula. O concello está a facer un esforzo no deporte con certas partidas, mellorar a eficiencia para a práctica deportiva tamén ten que estar nos orzamentos. Agora que co POS adicional vanse facer reparacións do local de piragüismo é o momento de dar pulo ao deporte con outras instalacións que cumpran a normativa e máis cerca do pantalán. En remo investir nas instalacións faise prioritario.

    É preciso dotar a estes clubes dunhas instalacións acondicionadas para o material e para os deportistas nun período breve de tempo.

 

7. INFRAESTRUTURAS
- Apertura da Estrada do Polígono do Río do Pozo

No Polígono Industrial do Río do Pozo temos diferentes accesos cara el no que nos centramos en dous: unha estrada que vén desde San Mateo sen beirarrúas e unha entrada que vai á parroquia do Val saíndo en fronte da sala “A concha” e aestrada xeral que nos comunica con Valdoviño. Para coller esta última desde o polígono temos que acceder a unha rotonda que, na súa terceira saída vai cara a esquerda cara unha rúa do parque empresarial que non ten saída. Entre o fin desta estrada e a estrada do Val só hai unha finca. Esta leira impide ter unha entrada moi importante de acceso ao polígono, con beirarrúas e todo o necesario e retiraríamos o tráfico que vai desde Ferrol con camións e doutro tipo de estradas menores e con acceso directo ao parque empresarial. Ademais na actualidade o non uso estase a utilizar de maneira imprudente como escombreira.

8. SERVIZOS

  • -  Mercar unha zodiac para servizo de rescate.

    Somos un concello en liña de costa e por seguridade, tendo en conta que tamén se practican deportes acuáticos na nosa ría, deberiamos dispoñer dun servizo de rescate axeitado.

  • -  Dotación material COVID

    Levamos máis dun ano cunha pandemia debido á COVID-19 na que as asociacións veciñais e diferentes entidades, no momento que se retomou a actividade nos locais sociais, tivo que facerse cargo dos materiais necesarios para manter unha seguridade e unha limpeza axeitadas, supoñendo isto un cargo contra os seus orzamentos importante. O concello habilitou unha liña de axudas para este fin. Agora, dando un paso máis, é preciso reflectir nos orzamentos do 2021 unha partida que comprenda diferentes gastos a este respecto nos locais sociais e destinados ao tecido asociativo xeral de Narón.

Rexistramos propostas concretas para os orzamentos 2022 de Narón