Rexistramos as nosas propostas de cara aos orzamentos do 2024
Rexistramos propostas para os orzamentos do concello de Narón onde reclamamos partidas que inclúan “investimentos necesarios para que Narón avance. Facémolo defendendo un proxecto claro”, declara a nosa portavoz municipal Olaia Ledo.
No documento presentado reclamamos diferentes actuacións no concello en canto a servizos sociais, accesibilidade, infraestruturas, medio ambiente, igualdade... todas elas explicadas nun documento e que desde o BNG consideramos imprescindíbeis para mellorar Narón. Os investimentos van desde cuestións concretas coma ampliar os vestiarios de Río Seco ou renovar o tellado do centro Manuela Pérez Sequeiros a outras transversais coma destinar o 1% dos orzamentos totais á loita pola igualdade. “En Narón non somos alleos á crise actual e o concello debe mirar atendendo uns servizos que cubran as necesidades da maioría social e, tamén, poñendo o foco no espazo público. Isto último é un tema pendente no noso concello e a medio facer. Falamos dun traballo para os vindeiros catro anos”, indica Olaia Ledo.
As nosas propostas inclúen actuacións en todos os barrios e parroquias e divídense en infraestruturas, servizos sociais, deporte, rural, medio ambiente, cultura e patrimonio, servizos sociais, accesibilidade e mobilidade e pasan pola creación dun Centro de Información á Muller; un novo centro de Día; un proxecto para o antigo Centro de Saúde; unha nova piscina climatizada ou transformar as naves da Feira do Trece nun espazo de exposicións e feiras de toda clase.