Reunión con representantes do Comité de empresa de MEGASA
Ante a inacción da Xunta despois da comunicación dos cambios produtivos por parte de MEGASA mantivemos un encontro cos representantes dos traballadores.
A nosa portavoz municipal, Olaia Ledo, e o deputado no Parlamento Galego Mon Fernández, mantiveron hoxe pola mañá unha reunión con representantes do Comité de empresa de Megasa para interesarse pola situación da empresa que a semana pasada comunicou cambios produtivos por causa dos custes enerxéticos.
Desde o BNG trasladámoslles á representación do persoal as propostas presentadas en materia enerxética tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento galego respeito do Estatuto electrointensivo, entre elas: sacar as centrais hidroeléctricas e as nucleares (que non pagan CO2) do MIX enerxético para a fixación de prezos; retirar os cargos fixos do recibo eléctrico e levalos aos orzamentos xerais; aumentar até o máximo permitido pola UE as subvencións do mecanismo de compensación de custos, etc
Por outra banda, as actuais circunstancias de abuso flagrante por parte das grandes compañías eléctricas da súa posición dominante do mercado dun servizo esencial, fai que para nós sexa especialmente relevante a constitución dunha empresa pública galega de enerxía, que podería comezar a partir da recuperación das concesións hidroeléctricas que vaian caducando. Unha empresa pública actuando no mercado sería un xeito efectivo de promover unha competencia real no mercado e a partir de criterios democráticos.