Reprobación á SAREB polo trato abusivo e coactivo de cara xs veciñxs das vivendas da Praza do Asilo de Piñeiros
O pasado mes de novembro a SAREB dirixíase aos arrendatarios cun ultimátum instándolles a aceptar unhas condicións abusivas para continuar co alugueiro ou, do contrario, abandonar as vivendas nun prazo de cinco días. Ademais, esa oferta non cumpría co compromiso adquirido pola SAREB de continuar co alugueiro “a prezo de mercado”, xa que chegaban case a duplicar o que pagaban na actualidade.
As queixas sobre esas condicións abusivas fixeron que se revisase algunha das ofertas pero aínda sendo superiores a doutros inmobles similares no concello de Narón. Isto fixo que algunhas familias decidiran deixar as vivendas mentres que outras aceptaron con peores condicións, e outras fixéronlle ofertas á propia SAREB dunha suba no prezo do aluguer dun 20 % que a SAREB desestimou. A sorpresa foi maiúscula cando mentres a xente en xaneiro seguía vivindo nos pisos, apareceron ofertados en portais inmobiliarios. "É preocupante cando a algunhas familias, a pesar de solicitalo, nunca lles chegou oferta de compra e ás que lle chegou só lles deixan 15 días para formalizar unha hipoteca, tempo insuficiente para realizar calquer trámite bancario ou atopar unha nova vivenda axeitada ás condicións de cada familia, afirma Olaia Ledo, portavoz municipal. Isto lévanos a afirmar que esta última oferta é só un lavado de cara da SAREB; unha entidade que ten participación pública e que actúa como meros especuladores."
Por isto mesmo levamos unha moción ao pleno de xaneiro no que lle propoñemos ao Concello de Narón reprobar estas prácticas abusivas da SAREB, reclamarlle á SAREB unha reunión para coñecer a situación destas vivendas e o número de vivendas pertencentes á SAREB que existen en Narón e que se poden atopar na mesma situación en calquer momento, e reclamarlle ao goberno do Estado que actúe ante estas prácticas abusivas da SAREB, sociedade con participación pública, xa que, segundo dí a constitución, todos temos dereito a unha vivenda digna.