Reclamamos a apertura do Muíño de Xuvia e que se contrate unha persoa por xestión directa
O muíño de Xuvia conta con fodos europeos, da Deputación e tamén, en menor medida, municipais. No 2023 a obra deuse por rematada pero houbo que facer unha licitación
para retirar lodos acumulados durante décadas polo desuso dos rodicios do muíño, tal e como denunciamos previamente desde o BNG. Agora, as denuncias de parte da veciñanza son que, se non se abren as comportas periodicamente, a zona da retirada de lodos volverá encherse en pouco tempo. Ademais, en período preelectoral deuse a coñecer, por parte do concello, con visitas guiadas como quedara o interior “as que estivemos dentro puidemos coñecer a maxestuosidade dunha obra civil e imaxinar a importancia que tivo” declara Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal. Agora preocúpanos a demora “cada vez máis inxustificada” de que non se abra a parte museística.
“Preguntamos no mes de Setembro porque aínda non estaba aberto ao público o Muíño de Xuvia cando a parte expositiva está rematada. Díxosenos que se estaba á espera de
licitar cunha empresa a atención ao público. Polo medio, vimos a retirada duns lodos que, sen solucionar o das comportas dos muíños, volverán a encher a entrada da auga aos rodicios.. Entre unhas cousas e outras todo son sobrecustes...e nós, responsábelmente, para reducir custes entre tantos imprevistos, reclamamos a contratación directa da persoa cualificada para atender a parte museística e que se opte ás axudas da Deputación da Coruña que ofrece para os concellos neste eido antes de que sexa tarde” indica Olaia Ledo “están a dicir desde o goberno que non hai diñeiro para moitas cousas, pois xestionemos para aforrar nesta ocasión. Será beneficioso para o conxunto da veciñanza; por unha banda, para gozar e coñecer o noso patrimonio material e inmaterial e pola outra, para aforrar un diñeiro e poder usalo noutras partidas necesarias" comenta Olaia, "o único que sabemos é que no 2023, a octava poboación galega segue sen ter un museo".