Reclamación da reposición de servizos de tren e mellora da rede ferroviaria
A situación do tren en Narón é precaria debido á drástica redución de servizos, ao peche de estacións e á falta de investimentos na modernización das infraestruturas e nos equipamentos que se produce na maior parte das liñas. Desta maneira parroquias e barrios como Sedes, Pedroso, Xuvia, Piñeiros, Freixeiro, O Alto e Santa Icía vense afectados pola merma dun servizo fundamental para cumprir os obxetivos de CO2 de cara a 2030 e para ofrecer un servizo público á veciñanza de Narón.
Aínda por riba, na pandemia da COVID suprimíronse máis servizos ferroviarios na Galiza, tanto interiores como de conexión con outros territorios. Vese que a pandemia foi utilizada como escusa polo goberno central para isto xa que, se ben a reducción dos servizos podía estar xustificada durante o estado de alarma e o chamado "confinamento", a partires do mes de setembro reiniciouse a actividade laboral e escolar, e aínda así a día de hoxe un terzo dos servizos de media distancia seguen suprimidos. RENFE anunciou que os servizos serían recuperados "a medida que a demanda o vaia pedindo", pero é máis a demanda que a recuperación dos servizos.
En canto ás conexións de media distancia, reducíronse servizos en todo o país, ao igual que nos servizos con outros territorios; na liña Vigo-Porto, por exemplo, só existe un servizo diario. Isto é unha descriminación á nosa economía en todos os seus eixes e aféctalle de pleno á nosa comarca e polo tanto a Narón, motor de Ferrolterra, no deterioramento do servizo ferroviario no antigo FEVE e agora liñas RENFE, onde o servizo cada vez é máis precario con problemas de conexión e mantemento. O que podía ser un tren de cercanías na nosa localidade vese cuns horarios escasos que poucas veces se cumpren e, aínda a maiores, sen compensación na nosa cidade por unhas vías que dividen a Narón en dous.
Por todo isto presentamos unha moción no pleno, que saíu aprobada, demandando ao goberno central e ao goberno da Xunta os seguintes acordos:
1.- A reposición dos servizos ferroviarios de media distancia e de comunicación co exterior suprimidos con motivo do estado de alarma, nomeadamente os que afectan a Narón.
2.- A modernización e mellora da rede ferroviaria galega, priorizando as liñas de cercanías.
3.- Impulsar a creación de Ente Ferroviario Galego e do servizo ferroviario de cercanías.
4.- Buscar a coordinación de RENFE e ALSA para que as persoas que veñan no tren dende os concellos veciños e as distintas parroquias do concello e se baixen en Santa Icía, para achegarse ao hospitais da zona de Catabois, non teñan que agardar moito tempo polo bus.
5.- A integración da liña FERROL - CORUÑA no TMG, e a ampliación de liñas para potenciar un tren de proximidade entre Narón, Ferrol, Fene, Cabanas e Pontedeume.
6.- Estudar a posibilidade de implantar un tren de proximidade con frecuencias directas para chegar a traballar e para a saída do traballo, tanto na Coruña coma en Ferrol.
7.- Construír un apeadoiro na zona da Gándara para dar servizo de tren a éste barrio.