Presentamos máis dunha decena de propostas para seren incluídas no novo Regulamento de Participación Cidadá de Narón.
O concello de Narón abrira a finais de marzo un proceso de consultas sobre Participación Cidadá para que se fixesen propostas colectivas ou individuais. O proceso de consulta, rematado o luns 5 de maio, viña precedido dunha moción do noso grupo municipal, aprobada en pleno, que pedía mudanzas significativas. No portal contabilizáronse un total de 14 propostas, todas elas do BNG de Narón. “Estudamos diferentes regulamentos e o actual de Narón e, por asemblea, aprobamos un documento coas propostas que consideramos necesarias para que se mellore a democracia en Narón. Hai cousas positivas no actual Regulamento que non se coñecen e outras que teñen que ser mudadas porque se demostrou a súa inoperancia” indica Olaia Ledo, a nosa portavoz.
Entre as propostas presentadas destacan a creación de, ademais de consellos territoriais “que están sen convocar desde hai tempo, incumprindo o actual Regulamento”, “asembleas parroquias” no rural onde poida participar toda a veciñanza desa parroquia con dereito a voto. Ademais, desde a organización nacionalista ven importante manter as consultas populares e que os veciños e veciñas poidan facer propostas que sexan presentadas e levadas a pleno para seren aprobadas cun orzamento axeitado.
O obxectivo do BNG é que se creen as ferramentas; promover a demanda social; unha gobernanza máis aberta e transparente no concello e onde os veciños e veciñas se sintan partícipes na toma de decisións colectivas que afectan directamente ás súas vidas “fomentar unha cidadanía informada, responsábel e protagonista do desenvolvemento do seu entorno, fará de Narón unha cidade máis aberta, tolerante e onde todo o mundo teña o seu lugar”