Presentación do noso proxecto para as naves da Feira do Trece
Desde o BNG de Narón propoñemos destinar as naves da Feira do Trece en Sedes a un proxecto que valga para congresos, encontros e exposicións. As tres primeiras persoas da nosa candidatura para as municipais presentaron o proxecto este mediodía.
Olaia Ledo, a nosa portavoz e candidata á alcaldía, Geno Carballeira, actual concelleiro e número dous da candidatura, e Beatriz Mosquera, candidata número tres, presentaron un proxecto que levamos no programa electoral e consideramos necesario para o concello. Un espazo para congresos e exposicións, pero reutilizando o que xa existe: as naves da Feira do Trece.
Este proxecto é o traballo e estudo dun ano e considerámolo necesario e viábel economicamente “Recuperar unhas naves, as da Feira do Trece, para que Narón sexa un punto de encontro de congresos de todos os eidos , nunhas naves actualizadas e con deseño vangardista nun lugar que poña en valor a contorna e integre rural e urbano que valgan para festas, feiras e congresos internacionais” indica Olaia Ledo, “na actualidade fanse algunhas feiras pero o espazo precisa reformas urxentes e unha posta a punto. No BNG non cremos en obras faraónicas pero si en recuperar espazos que, ademais, pola súa situación poría en valor toda a contorna. Temos proxecto e esta é unha das nosas apostas”.
Bea Mosquera, candidata nº3 do BNG nas vindeiras municipais representando a parroquia de Sedes declara “Crear espazos que leven a cultura, a innovación, o emprego e a marca Narón a diferentes partes do mundo a través de congresos e exposicións para todas as idades é necesario. Na actualidade non contamos en Narón con espazos axeitados”. Olaia Ledo, explica que o proxecto está pensado para “crear rede. Poderíamos falar de residencias artísticas e de mover actividade cultural arredor deste proxecto, incentivar sinerxias e poñer en valor a Narón no seu conxunto”.