Pedimos unha solución para os verquidos existentes na parroquia do Val.
O pasado mes de decembro o grupo municipal de Narón informamos aos policías responsábeis do área de medio ambiente sobres uns verquidos no Val, concretamente nun regato que se atopa preto do antigo vertedoiro municipal e que vai até Pena Lopesa, rematando no mar. Estes verquidos presentan unha preocupación para a veciñanza por estar preto do antigo vertedoiro do lixo do Concello de Narón.
No mesmo mes de decembro informamos no Consello Territorial celebrado nesta parroquia do Val sobre estes verquidos e os concelleiros do grupo de goberno alí presentes dixeron que eran descoñecedores da situación, polo que ían dar traslado ao departamento de medio ambiente para buscar a procedencia dos mesmos e darlles unha solución a este problema.
A día de hoxe, a única información recibida polo BNG é que se recolleu unha mostra dos verquidos e se está a analizar, polo que solicitamos por rexistro información sobre a procedencia dos mesmos, o tipo de verquidos que son e a solución que se lle vai dar por parte do concello, despois do que consideramos xa un tempo prudencial, van máis de dous meses desde o primeiro aviso.