Olaia Ledo elexida por unanimidade candidata ás municipais 2023 en Narón.
A asemblea local do BNG de Narón vén de elexir como cabeza de cartel para as vindeiras municipais a Olaia Ledo Díaz, actual portavoz municipal da formación.
Olaia Ledo, membro da executiva nacional do BNG e portavoz municipal en Narón repetirá como candidata do BNG na octava poboación do país. O bloque convértese así na primeira organización da localidade en decidir oficialmente a vindeira candidata ás eleccións municipais.
Marta Grandal, responsábel local, presentou a proposta saída do consello da formación para que a militancia nacionalista votase e, o concelleiro Geno Carballeira, quen explicou á que considera “a mellor candidata que pode ter Narón e o BNG. Traballadora, con criterio e cun proxecto firme e necesario para Narón. Os e as que traballamos con ela só podemos dicir que aprendemos todos os días de como facer política de altura, que nos fai ser mellores e que sempre está para que avancemos, sacarnos da zona de confort e todo para que Narón e Galiza sexan mellores. Ademais, coñece cada recuncho deste concello e ao seu lado sabes que imos gañar o futuro para todas as naronesas e naroneses” indica Geno Carballeira.
Olaia Ledo Díaz. A nosa candidata.
Militante nacionalista desde os 17 anos, forma parte da Executiva Nacional do BNG desde o 2016, formando parte da estratexia actual do BNG e do ascenso electoral nacionalista desde que Ana Pontón é portavoz. Con ela, nas pasadas eleccións o BNG da localidade subiu en votos e en porcentaxe dándolle á volta á tendencia de oito anos de baixadas electorais. Nestes tres anos como portavoz municipal, o BNG no concello de Narón defendeu numerosas propostas como a creación dun CIM (Centro de Información á Muller), coidado do patrimonio, melloras laborais nas empresas municipais, ser Narón parte da entidade de “cidades que camiñan”, accesibilidade universal, actuacións directas sobre o espazo público, promover o deporte de base ou poñer o foco na atención a domicilio en Narón entre moitas outras. Ademais, o BNG da localidade asumiu campañas de traballo na rúa e accións como a limpeza do río Xuvia e da ría, alegacións a parques eólicos que afectan a Narón ou recollida de sinaturas para mellorar os servizos do centro de saúde e a creación dunha residencia de maiores pública para a cidade.
Traballadora autónoma no sector audiovisual e no marketing, participou na premiada película “Nación” preseleccionada aos Goya e Mestre Mateo como mellor documental no que ela foi directora de produción. Quenes a coñecen defínena como inconformista, moi traballadora e tremendamente optimista.