Olaia Ledo anuncia que non será cabeza de lista en Narón nas vindeiras municipais.
“Sempre dixen que calquera persoa da nosa candidatura podería estar no meu lugar e sigo pensando o mesmo. O proxecto continúa, e seguiremos a traballar para gañar xa que somos moi conscientes que somos a única alternativa de goberno cun proxecto claro que defendemos para a maioría de Narón. Ademais, o BNG en Narón pasa polo seu mellor momento da historia: tanto en número de militancia como en número de votos e porcentaxe de apoio e isto é unha fortaleza para dotarnos de toda a enerxía co proceso que vén por diante. Nós non vimos vivir da política se non a transformar a realidade e comprométome a loitar polo mellor Narón co mesmo esforzo e ilusión só que a partir de 2027 desde outro lugar” declarou Olaia Ledo nunha rolda de prensa nunha mesa na que tamén estaban a responsábel comarcal, Pilar Lozano e a nosa responsábel local, Marta Grandal.
A nosa voceira municipal indica que a decisión é “unicamente persoal pero reflexionada desde hai moito tempo e posta en coñecemento da organización para seguir a traballar por un proxecto ilusionante en Narón e no país”. Antes de anuncialo publicamente, realizamos unha asemblea local o xoves 23 ás 20h para informar á nosa militancia e decidir os pasos a seguir. Desde a organización só temos palabras de agradecemento para Olaia “sabemos que vai seguir traballando con toda a forza pola nosa localidade e polo país. Olaia non só é necesaria se non das imprescindíbeis e só podemos agradecer todo o esforzo, traballo e ilusión que nos fixo ter ás que camiñamos canda ela”. Declara Marta Grandal, a nosa responsábel local.
Desde o BNG naronés anunciamos que abrimos agora un proceso asemblear e democrático para escoller a vindeira persoa candidata e “continuar a medrar na nosa localidade en equipo, como sempre fixemos e faremos até ter a alcaldía” declara Grandal. “Abálannos os números pero queremos máis: queremos ser a maioría que transforme Narón e iso, témos moi claro que non acontece con titulares rápidos se non con moito traballo desde a rúa e as institucións. Desde agora abrimos unha nova etapa para o proxecto que defendemos para a nosa cidade” declarou Ledo nunha rolda de prensa que estivo acompañada polo actual grupo municipal, militancia da localidade e diferentes cargos comarcais como a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; a deputada provincial, Cristina García; o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, ou Mercedes Tobío da área nacional de organización, entre outras.