Instamos ao goberno municipal a mudar o Regulamento de Participación Cidadá
Presentamos unha moción no pleno de marzo onde pedimos abrir un espazo a toda a veciñanza para recoller propostas e modificar o Regulamento de Participación Cidadá porque din que o actual non está a cumprir os obxectivos para os que foi creado.
“A participación cidadá é un dereito e un deber que temos todas as veciñas e veciños e, os concellos, teñen o deber de promovela e crear as ferramentas e canles para que a participación sexa un lugar onde crear unha sociedade plural, democrática e activa. É unha realidade que hoxe en Narón non pasa por un bo momento” declara Olaia Ledo , portavoz municipal.
“Desde o BNG presentamos esta moción porque se abriu a consulta nos consellos territoriais mais, os consellos somentes son abertos para as asociacións rexistradas e, despois de anos funcionando, ao que alí se reclama maioritariamente non se dá cumprimento e isto leva á frustración de quen participa. Consideramos positivo que se abra unha recollida de consultas e que calquera persoa de Narón poida opinar” indica Ledo.
Consideramos que a participación non só pode depender dos consellos territoriais, que os orzamentos ademais de presentalos nun consello xeral teñen que ser participativos, que haxa persoas escollidas nas parroquias para ser interlocutoras das decisións veciñais co concello e que as asociacións veciñais teñan máis peso nas decisións do goberno. Ademais, reclamamos que os plenos teñen que abrirse para a participación de entidades en mocións nas que colaboren cos diferentes grupos municipais como xa se fai en Ferrol. Para nós é imprescindíbel traballar na modificación do regulamento de Participación Cidadá para ter unha sociedade máis inclusiva, aberta e democrática.