Instamos ao goberno municipal a incluír un técnico deportivo profesional no cadro laboral municipal
Levamos ao pleno de setembro unha moción na que instamos ao goberno municipal á convocatoria para dar cobertura ao posto Oficial de Técnico de Deportes no concello de Narón, persoa que deberá estar en posesión dun título de grao superior pertencente á rama de Formación Profesional do Deporte ou superior.
Narón é un exemplo no deporte grazas ao traballo que fan os técnicos e persoal directivo das distintas entidades, asociacións e clubs, traballo moitas veces desinteresado, que fan posible que nenos, nenas e persoas adultas poidan practicar diferentes deportes no noso concello. O Concello xestiona convenios, subvencións e o uso das instalacións, pero “bótase en falta unha persoa técnica, un referente no Padroado de Deportes que teña coñecemento global do deporte e que faga que esta xestión non recaia na parte política”, indica Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.
A mellor maneira de traballar en grande parte dos concellos é coa figura de técnico/a deportivo, “unha visión que permita coñecer os diferentes deportes e as súas necesidades e que valga para a equidade entre clubs, entidades, asociacións e persoas a nivel individual que fagan uso das instalacións deportivas, unha figura que actúe de maneira profesional á fronte da actividade física e deportiva de Narón·, comenta Olaia Ledo.