Indignación pola desidia que presenta a Xunta de Galiza ante o abandono da Estrada de Cedeira, que é da súa titularidade

É vergoñento o estado no que se atopa a Estrada de Cedeira e inadmisíbel o pasotismo da Xunta de Galiza ante o estado de abandono da mesma.
Indignación pola desidia que presenta a Xunta de Galiza ante o abandono da Estrada de Cedeira, que é da súa titularidade

O pasado mes de maio denunciabamos o abandono no que se atopa a Estrada de Cedeira (AC-566), propiedade da Xunta de Galiza, por parte da mesma. Esta Estrada é o nexo de unión entre a Estrada de Castela e numerosos servizos coma os institutos de Narón, supermercados, un polígono industrial..., e percorre Narón durante 5 km para chegar ao veciño concello de Valdoviño.

Esta estrada atópase nun lamentábel estado de deterioro coa inexistencia de accesibilidade nas beirarrúas, tramos a distinto nivel sen rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida, outros cunhas medidas que non cumpren a normativa e polos cales é totalmente imposible transitar nunha cadeira de rodas ou cun carriño para as crianzas...

“Despois de denunciar o vergoñento estado no que se atopa esta estrada e vendo que á Xunta de Galiza pouco lle importamos as veciñas e veciños de Narón, instamos á mesma, a través dunha pregunta formulada no Parlamento Galego polo noso deputado Mon Fernández, a que nos indicase cal é a previsión que teñen respecto da mellora das beirarrúas no treito que atravesa o concello de Narón.”, indica Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.

A Xunta de Galiza contesta agora ao deputado dicindo que foi imposible até o de agora o acondicionamento da Estrada AC-566 por telo impedido o Estado español. “É incríbel que a Xunta de Galiza, administración que ten a titularidade desta estrada, non faga nada pola veciñanza de Narón, pola súa seguridade, e que aínda por riba nos veña dicindo que non se pode facer nada nin desde a Xunta nin desde o Concello polo impedimento do Estado, botar balóns fóra é o que sempre fai a Xunta de Galiza, e culpar a quen non debe, cando non ten pensado facer nada ao respecto das súas propias competencias. É vergoñento que fagan referencia a que non puideron facer uso dos fondos Next Generation para o seu arranxo cando estes fondos existen dende hai dous anos e a estrada leva máis dunha década nesta situación”, comenta Ledo, “mais no BNG non nos conformamos e seguiremos insistindo que se ten que facer realidade o acondicionamento das beirarrúas desta estrada, non vale de nada que se renove o firme para os vehículos cando os viandantes non atopan máis que obstáculos para poder transitar polas beirarrúas”.

Indignación pola desidia que presenta a Xunta de Galiza ante o abandono da Estrada de Cedeira, que é da súa titularidade