O estado de abandono de Aldea Nova mostra, unha vez máis, a neglixencia do goberno municipal

Aldea Nova inaugurouse en 2008 coa pretensión de “revitalizar a zona cun desenvolvemento sostible” segundo anunciaba daquela o goberno de TeGa.
Despois de diferentes concesións, anos pechados, reformas e situacións graves como o estado no que se atopaban os animais que estaban no “Parque Temático Integral de desenvolvemento Rural”, hoxe volve a estar en estado de abandono.
O estado de abandono das instalacións foi denunciado polo BNG este verán e, desde aquela só foi a peor. Por iso rexistramos no concello a situación actual acompañado de imaxes gráficas. Reclamamos no escrito que se actúe de maneira inmediata e se vele pola seguridade e o valor etnográfico de Aldea Nova “unhas instalacións que contan con fondos europeos e unha inversión pública de máis de dous millóns de euros non pode estar abandonada e no estado lamentable na que se atopa. Desde o BNG cremos que Aldea nova ten que ser unha oportunidade e un punto de encontro entre a veciñanza e non un problema” declara Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal. “Desde o BNG pedimos máis vontade política e menos desidia nunhas instalacións que deberan ser un exemplo de bo facer. Para nós, é a demostración da neglixencia da alcaldesa e o seu equipo por Narón. Se o queren solucionar estaremos aportando ideas, se non estaremos en fronte” afirma Ledo.