Esiximos a aplicación inmediata dos plans de autoprotección do Pazo da Cultura e o Auditorio

No ano 1993 inaugurase o Auditorio Municipal e no 2008 abre as súas portas o Pazo da Cultura, ámbolos dous edificios dependentes do Padroado da Cultura e o Concello de Narón e que reciben anualmente a milleiros de persoas usuarias das súas actividades, espectáculos, conferencias, exposicións, etc. Desde aquela, non se formou ao persoal en Plans de autoprotección para poder garantir a seguridade das persoas que asisten a a diferentes actividades e espectáculos con gran afluencia de público “Non imos aquí poñer exemplos concretos que xa se deron pero si que queremos denunciar a deixadez de TeGa neste aspecto. Ante unha emerxencia as persoas traballadoras teñen que saber como actuar e por iso é grave que non exista formación específica nos plans de emerxencia” indica Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.
Levamos tempo pedindo a actualización de equipos de intervención e evacuación así como a formación específica para as persoas traballadoras “hoxe hai grandes actos no Pazo da Cultura e é o concello quen se ten que preocupar de velar pola seguridade ante calquera incidencia. Unha simple caída ou unha situación de indisposición dunha persoa usuaria pode non ter a resposta por descoñecemento e porque o concello non se responsabiliza de algo que é a súa competencia: a formación e a sinalización con normativa incluída para coñecemento das persoas visitantes ou usuarias” incide Ledo.