Denunciamos a gravidade dos recortes no Servizo de Axuda no Fogar

Levamos unha moción ao pleno municipal de setembro denunciando a precariedade do SAF (Servizo de Axuda no Fogar)
Denunciamos a gravidade dos recortes no Servizo de Axuda no Fogar

Denunciamos a gravidade do recorte orzamentario destinado ao SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que está a aplicar o goberno da Xunta de Galiza. O SAF está ao bordo do colapso por falta de financiamento, como veñen denunciando os concellos, a FEGAMP e o propio BNG.

As persoas usuarias deste servizo merecen unha atención digna, ao igual que merecen as traballadoras unhas condicións laborais xustas, algo que non se está cumprindo por mór de todos estes recortes, que ascenden tan só nos últimos meses a uns 17 millóns de euros. Este infrainvestimento tradúcese en recortes de servizos esencias substituídos por axudas precarias que non garanten o dereito das persoas maiores e dependentes. Na actualidade, máis de 2000 persoas en Galiza agardan pola valoración da dependencia unha media de 361 días, duplicando o tempo que marca a propia Lei de Dependencia, o que fai de Galiza a cuarta comunidade co maior atraso para acceder ás prestacións.

O sistema de atención á dependencia en Galiza está centrado nun modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e que está devolvendo os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres.

En Narón a situación leva tempo sendo moi mala e, as diferentes reunións entre as partes non deron melloría nin no servizo que reciben as persoas usuarias nin nas condicións laborais para as persoas traballadoras, que levan neste ano 2025 con cadrantes de 11 horas ou un servizo saturado que non cumpre os obxectivos de coidados de maneira digna. Para o BNG a preocupación é máxima ao corroborar coma nun servizo público a empresa concesionaria só ten coma único obxectivo sacar o máximo beneficio posible. Por iso o vimos de rexistrar unha moción municipal con varios puntos para seren aprobados polo pleno de Narón e presionar entre todos a un cambio de rumbo dun servizo que debese ser sempre 100 % de xestión pública.

Denunciamos a gravidade dos recortes no Servizo de Axuda no Fogar