Denunciamos a subida do canon de SOGAMA
O aumento do canon do tratamento de residuos supón un “sablazo” para os concellos, cando xa teñen feitas as súas previsións de ingresos e gastos para este ano. Os responsables da Xunta e de Sogama queren facer pagar aos veciños e veciñas o fracaso da súa mala xestión e do seu sistema de recollida de residuos. Un sistema “obsoleto, centralizado e antiecolóxico”, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola do reciclaxe lonxe aínda de cumprir cos criterios que marca Europa.
Sogama xustifica este canon coa entrada en vigor do novo imposto europeo por depósito en vertedoiro e incineración, imposto que trata de penalizar sistemas finalistas e primar outros máis acaídos dente o punto de vista da xestión eficiente dos residuos, sendo a incineración a última das opcións. Segundo os informes de Sogama o 60 % dos residuos que entran no seu complexo van a incineración. “Xa non nos valía en Narón reciclar ben cando unha parte moi importante dos residuos en Sogama van para a incineración e agora queren sablearnos coa suba do recibo, é inadmisíbel”, declara Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal, “é necesario que a mancomunidade comece a estudar outra xestión de residuos alonxados de Sogama, que só vale para enriquecer aos amigos do PP”.