Denunciamos os recortes da Xunta de Galiza no ensino público e que afectan a varios centros de Narón.
Desde o BNG censuramos a política de recortes do ensino público que está a desenvolver a Xunta de Galiza, sempre dun modo inaceptábel atrasando cada vez máis a adxudicación das vacantes nos centros educativos, aproveitando o período estival para actuar sen a mínima das transparencias, e deixando os centros indefensos e sen tempo para poder reclamar vacantes en función das súas necesidades.
En Narón foMOS coñecedores nos últimos días de recortes nos CEIP´s da Gándara, Virxe do Mar e A Solaina, centros que teñen reclamados máis mestres para cubrir todas as súas necesidades por mór do número do alumnado matriculado nos mesmos, e que se atopan que en vez de que se cubran estas prazas perden unidades. Situación que se agrava en centros coma o da Solaina cando o que reclaman é máis persoal para a atención á diversidade.
“Vimos de presentar unha moción de cara ao pleno deste mes de xullo na que queremos chegar ao acordo co resto da corporación municipal de esixir á Consellería de Educación como mínimo o mantemento actual do número de docentes e das unidades destes tres centros, ademais de esixirlle ao goberno municipal a convocatoria do Pleno Municipal Escolar urxente co obxecto de abordar esta problemática e adoptar as medidas necesarias para recuperar os recursos negados pola Xunta, o Servizo de madrugadores e os distintos temas relacionados coa educación no noso concello e que atinxen ao Consello Municipal, que aínda non foi celebrado neste ano”, comenta Olaia Ledo, a nosa portavoz municipal.