De cara ao 25 N pedimos que se inicien os trámites para que Narón teña un Centro de Información á Muller
O pasado 13 de outubro o Observatorio de Violencia do Consello Xeral do Poder Xudicial facía públicos os datos máis recentes respecto da violencia contra a muller na estatística xudicial, que nos permiten ver unha parte da súa enorme dimensión ao térense rexistrado no primeiro semestre de 2023 un total de 1707 denuncias. Pola súa banda, na Memoria 2023 (Exercicio 2022) da Fiscalía de Galiza recóllense máis de 5.000 delitos incoados como violencia de xénero e máis de 1.600 contra a liberdade e a indemnidade sexual. Isto, para o BNG, é necesario mudalo con políticas decididas e con recursos económicos.
Por iso, en Narón, o BNG municipal presentamos a moción para ser debatida “e porque o pleno de novembro ordinario vai ser o día 30 e chegaríamos tarde. Vimos que non se presentara moción sobre o 25N e que todos os grupos xa fixeran uso das dúas mocións que se pode levar en Narón por grupo aos plenos municipais, polo que decidimos que tiñamos que usala. Facémolo para que a loita pola igualdade estea no debate e como unha necesidade de primeira orde” declara Olaia Ledo, a nos portavoz en Narón. “A violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido, temos unha responsabilidade colectiva á hora de fixar novos compromisos como adecuar as axudas á escalada de prezos e comprometer máis recursos” declara Ledo.
Por todo isto, nos acordos reclámase que a Xunta de Galiza destine máis diñeiro contra a violencia machista que o que reflexan os orzamentos da Xunta para o 2024 e, tamén, que o concello de Narón se comprometa coa creación dun CIM “Na comarca existen tres Centros de Información á Muller: o de Ferrol, As Pontes e Ares. Sabemos que máis do 35% das usuarias do CIM de Ferrol son da nosa cidade e, un servizo coma este, ten que estar nun lugar céntrico e fácil de chegar e ser coñecer para as persoas que o precisen. Contar cun CIM en Narón sería un salto cualitativo para a loita contra a violencia de xénero e gañaríamos toda a sociedade no seu conxunto”