O BNG de Narón reclama a recuperación do Muíño das Aceas
Ó Muíño das Aceas é o único muíño intermareal de Ferroltera, contruído no século XVIII. Este muíño de mareas, no seu funcionamento, era o máis grande de todo o país, e ata non hai moito o mellor conservado.
As instalacións constan de tres muíños, represa, almacéns, vivenda e vivenda de recreo, todo prácticamente en ruinas a día de hoxe. Podemos ver dende as fiestras e portas rotas a maquinaria que está no seu interior aínda completa, pero deteriorándose por mór da choiva e outros impactos xa que unha parte da cuberta do tellado caeu e o resto está nun lamentable estado de conservación, ao igual que o resto das instalacións.
É unha mágoa que deixemos morrer o patrimonio histórico do noso concello, sendo este muíño unha parte fundamental do mesmo e tendo en conta que por alí pasan o camiño de Santo André e o de Santiago, un gran reclamo para o turismo e para o goce da veciñanza.
Desde o 22 maio de 2019 os concellos poden acelerar as expropiacións dunha propiedade que estea en ruínas e os donos se neguen a reparala. O goberno actual de Narón, na campaña electoral, declarou nun debate televisivo que ían mirar de expropiar o ben do Muíño das Aceas para a súa rehabilitación e posta en valor.
Por isto nós vimos de reclamar no pleno que se continuase cos trámites necesarios para a expropiación do Muíño aos seus actuais donos e a súa posterior recuperación, ademáis de crear unha comisión informativa con todos os grupos políticos para avanzar na súa posta en valor.
Debatido isto na comisión de obras, na que parecían estar dacordo, cal é a nosa sorpresa no pleno cando nos atopamos que están dacordo sacando o primeiro punto da moción, que era o compromiso do goberno de Narón de continuar cos trámites de expropiación. Pero de qué nos vale a comisión informativa con técnicos e políticos, como eles propoñen, se non adquirimos o compromiso de expropiar e recuperar o noso patrimonio?
O que nós queremos é conseguir compromisos por parte do goberno, neste caso o de recuperar o noso patrimonio, e é algo prácticamente imposíbel, polo que esta moción non saíu adiante, pero intentarémolo de novo.