O BNG pide que se revisen as reclamacións das RPT dos bombeiros
Os bombeiros de Narón reclaman que se revisen os puntos que lles corresponden pola relación dos postos de traballo e a valoración dos mesmos, xa que moitas das condicións que se lles esixen para poder acceder a este posto non as teñen recoñecidas.
Celebrouse un Pleno Extraordinario cun único punto que era a inadmisión das reclamacións dos bombeiros aos orzamentos, a través dun informe da interventora do concello. Este foi o único argumento do concelleiro responsábel e non contestou a ningunha das preguntas que alí se lle formularon. Como dixo a nosa portavoz municipal, Olaia Ledo "que non sexa a maneira axeitada non quere dicir que non se poda facer, falamos logo de cuestión de vontade. Recomendámoslles revisar uns orzamentos que xa votamos en contra e animámoslles a que o primeiro modificado dos orzamentos este ano sexa para garantir que se cumpran a puntuación que merecen os bombeiros, que haxa quendas de cinco persoas e que as instalacións sexan as axeitadas" indica Olaia Ledo, a nosa voceira municipal.
O persoal dos bombeiros de Narón levan dous anos pedindo que se revise a súa RPT (relación de postos de traballo) e a súa VPT (valoración dos postos de traballo). Tendo en conta que se lles esixe dispoñer dos carnés C, D, E, e o ADR (mercancías perigosas e explosivos) isto debería estar recollido na RPT e daríalles máis puntos na súa VPT, ao igual que si se recoñecese a perigosidade do seu posto, o mando no caso dos xefes de equipo... ademáis de reclamar unhas instalacións cuns mínimos que se axusten ás necesidades deste colectivo de traballo, xa que non cumplen as normas básicas en canto á PRL (prevención de riscos laborais).
O BNG votamos para que SI admitiran as súas reclamacións, preocúpanos que nunha administración pública o persoal funcionario teña que chegar ao punto de ter que falar cos grupos da oposición, saír na prensa e impugnar uns orzamentos cando teñen pedido negociar por diferentes vías. "Hoxe conseguiron que falemos do tema, tamén levan unha semana no que o goberno entrou a negociar. As persoas traballadoras teñen cada vez menos ferramenta para esixir os seus dereitos mais impugnar uns orzamentos tamén está entre eles. Teñen todo o noso apoio" indica Ledo. As súas esixencias correspóndelles por dereito e por funcións do traballo que realizan a diario. "As persoas que hoxe están aquí na bancada de público fan un traballo esencial, arriscan a súa vida e un dobre esforzo no que incluso non durmían coa súa familia durante o confinamento da pandemia por un decreto de alcaldía. Se todos e todas estamos orgullosas do seu traballo o mínimo é que o concello lle devolva co que lle corresponde. Hoxe non só están representándose a sí mesmos se non que están a defender a toda a clase traballadora. Revisemos, con humildade , e chegade a un acordo xa" incidiu Olaia Ledo