Reflexión sobre o patrimonio de Narón e o problema social que deriva del
A historia de Narón é a historia de San Xiao, Xuvia, San Mateo de Trasancos... é a historia do Mosteiro do Couto cunha biblioteca pechada que garda libros importantísmos da comarca, é a historia dun concello onde nace o camiño de Santo André, peregrinación esta que xa existía antes de que os romanos chegaran á nosa costa. É a historia da Revolta Popular de 1918, de labregos e operarias unidas nun mesmo fin, é a historia da loita pola democracia, é a de tantas cousas que hai que defender e coidar para saber quenes somos e a onde queremos ir.
Xuvia é deses lugares cos seus muíños, coas súas casas declaradas de interese cultural, un sitio de referencia para calquera naronés e naronesa. Por iso, desde o BNG, non podemos pecharnos de brazos e dicir que non pasa nada. Hoxe hai que tirar dúas casas que estaban a dar problemas pero o que non se di é a historia que hai tras elas polo que, se non o lembramos ficará en nada na nosa memoria. Non podemos volver permitir que, ata que comezaron os problemas co edificio colindante o concello non se preocupara. Non hai que andar moito para ver a situación na que se atopa o noso patrimonio e outras vivendas abandonadas, temos o exemplo da casa San Román a 20 metros destas vivendas. Xuvia é a parte máis histórica do noso concello e é importante coidalo e incluso recuperalo.
A memoria colectiva é a que vai na trasmisión oral pero tamén nos últimos 300 anos podemos vela en prensa, en fotografías , en pinturas e gravados. É unha mágoa que deixemos caer un Narón do que tamén sentir orgullo, o Narón das persoas está lonxe de chegar pero é tarefa, das que nos toca pedir e facer política, loitar para que chegue o día que o espazo público sexa un ben para coidar e desfrutar todos e todas, independentemente da nosa condición.
Sabemos que agora esta antiga sede do concello había que derrubala, era un problema social e por iso non quixemos facer mella, simplemente pasar pero, que sucedería se hai 20 anos este concello, gobernado polos mesmos, mercara estas vivendas? Poderíamos falar do local da Asociación Veciñal Altea por exemplo? Estaríamos ante un lugar onde poder realizar actividades? Aparecería a historia destas vivendas?
Todavías estamos a tempo de facer algo con xeito na casa Román, de facer que o muiño de Xuvia e as Aceas brillen como nos tempos da Ilustración e tamén, pelexar para que o Mosteiro do Couto pase a mans públicas a súa xestión e recuperación. Podemos mercar a casa de Chamorro na estrada de Castela, arranxala e facer alí a concellería de Igualdade por exemplo, crear un Centro de Información á Muller e tirar os seus muros e facer deles un paseo con xardíns que valga para unir os barrios do Alto, a Gándara e Santa Icía. Podedes imaxinalo? Sigamos a construír camiños de esperanza e o mellor Narón chegará máis pronto que tarde, desde o BNG témolo moi claro.