Presentamos un requerimento para paralizar a privatización da xestión da auga en Narón ante a "incerteza financieira" e a falta de informes técnicos
Denunciamos que o proceso se basea exclusivamente nun informe externo de parte, sen contar co aval dos departamentos técnicos municipais e ignorando alternativas de xestión pública ou mixta.
Para o requerimento o BNG fundamentámonos en tres puntos críticos: primeiro na sustentabilidade financieira en dúbida (a Intervención municipal manifestou en informes de decembro de 2025 e xaneiro de 2026 que non pode pronunciarse sobre a repercusión real na sustentabilidade financieira do Concello); segundo polos custos de depuración ignorados (o expediente non ten en conta o cambio de escenario que se produce este 1 de xaneiro de 2026 na xestión da EDAR de Cabo Prioriño, unha variable que Intervención considera de "suficiente importancia" como para ser analizada antes de licitar); e terceiro polos cálculos "orientadores" (alarmounos que a memoria da consultora externa cualifica os seus propios cálculos como meramente orientadores e omite custos que o operador actual xa asume, como as amortizacións de ACUAES). Así, desde o BNG informamos que inciar o expediente para a contratación privada faise baixo “unha incerteza técnica e financieira” e unha irresponsabilidade que acabará repercutindo na calidade do servizo e no recibo que paga a veciñanza “temos problemas xa coa empresa mixta COSMA e agora que en xuño de 2027 por fin se estingue queren vender a auga de todos e todas a unha empresa privada directamente, sen filtros” indica o noso concelleiro Geno Carballeira que representa a esta formación a día de hoxe no consello de COSMA. “Pedimos no noso requerimento a suspensión inmediata ata que se incorpore unha memoria que inclúa o impacto real dos custes de saneamento previstos para o 2026, un estudo comparativo real entre a concesión privada e a xestión directa e unha resposta por escrito que aclare que se pretende licitar un servizo esencial sen as garantías financieiras. Non é menor o que se pretende facer en Narón e cara onde imos no modelo defendido por Marián Ferreiro e Germán Castrillón: a de usar un ben público para o beneficio industrial dun novo chiringuito. Desde logo para o BNG isto supón algo moi grave e este requerimento é só un primeiro paso dos que pensamos dar”