Reclamamos ao goberno galego a restitución da Secretaría Xeral de Igualdade.
Levamos, no mes de xuño, unha moción ao pleno na que solicita esixir ao goberno galego que dea ás políticas de igualdade o peso que lles corresponde, coa restitución da Secretaría Xeral de Igualdade con presenza no Consello da Xunta.
No ano 2005 créase a Secretaría Xeral de Igualdade e desde o 2007 en Galiza inclúese no noso marco legal a transversalidade de xénero por consenso de todas as forzas políticas representadas no parlamento galego. O Partido Popular fai desaparecer agora un organismo de goberno que no lugar que debería ocupar, dependente da Presidencia, tería que deseñar o conxunto de políticas a aplicar desde os diferentes departamentos do goberno galego. Trátase do último paso dado, até agora, após a desaparición do Servizo Galego de igualdade, ou o baleirado de recursos dos centros Quérote, dos CIM, dos pisos de acollida para mulleres vítimas de violencia machista...
A división de igualdade e loita contra a violencia machista sen que haxa unha dirección común, coma se fosen departamentos estancos, sobre todo tendo en conta que a violencia é a consecuencia máis extrema que viven as mulleres da desigualdade e o patriarcado, é un erro considerable.
Por isto presentamos esta moción no pleno, onde solicitamos aos grupos políticos do goberno municipal esixirlle ao goberno galego que dea ás políticas de igualdade o peso que lles corresponde, coa restitución da Secretaría Xeral de Igualdade con presenza no Consello da Xunta.