O antigo centro de saúde, unha oportunidade para Narón
Hai un mes que rexistramos no Concello diferentes usos que se lle poden dar ao antigo centro de saúde para dinamizar a zona que está considerada como centro do Narón Urbán, e a día de hoxe aínda non recibimos resposta algunha polo que estivemos repartindo uns panfletos nos que informamos ao locais comerciais e de hostalaría da contorna deses diferentes usos que axudarían a traer máis xente e a que éstes non perdan a súa actividade.
O pasado 15 de xullo inaugurouse o novo centro de saúde de Narón mais a importancia deste novo centro non debe ocultar a importancia que para Narón terá o uso que se dea ao vello centro, situado na Praza de Galiza, no centro do Narón urbán e queda baleiro e a disposición do concello, que é o novo propietario e quen lle deberá de dar unha segunda vida.
Desde o BNG cremos que esta é unha oportunidade para ofrecer servizos dos que se carece no concello e ao mesmo tempo poder dinamizar a zona do Alto e o entorno da Praza de Galiza.
Despois de levar tempo analizando a situación a nosa proposta é a creación dun Centro Cultural Educativo que poida prestar un servizo á sociedade e que sirva para atraer persoas novas e vida a esta zona, despois de que sexa reformado. O centro debe ter cando menos salas de usos múltiples nas que se poidan facer conferencias ou exposicións, zonas con mesas para estudo ou traballo, salas con capacidade para grupos reducidos de persoas, zonas de prensa...
"Agora que non é necesario a circulación de ambulancias e coches dos doentes por esta zona para urxencias isto permite repensar as prioridades de tráfico nesta zonas e dotala de seguridade e humanización para a xente que se achegue ao concello, á biblioteca, ao auditorio ou ao centro comercial... todo isto, acompañado do Centro Cultural Educativo, axuda a dinamizar a zona", comenta Olaia Ledo, portavoz municipal.