Visitamos coa AV de Castro unhas obras de consolidación da cementeira que teñen cortada a vía pública.
Mostramos anosa grande preocupación polas obras da Cementeira que teñen cortado unha vía pública mentres esperan á resposta desde hai un ano a unha alegación presentada ao PXOM por este motivo.
A cementeira de Castro é unha historia de loita dunha veciñanza que segue sen resignarse a que unha industria contaminante estea pegada as súas casas. Hoxe a cementeira non está ao 100% de funcionamento pero de darse o seu uso afectaría á saúde de Narón e concellos da contorna ademais de toda a contaminación derivada que produciría. Por todo isto, e co novo PXOM aínda sen ser definitivo, desde o BNG presentamos unha alegación hai un ano pedindo que non se consolidasen terreos ao redor e non denominasen solo industrial a zonas que son rurais (e onde os veciños quéixanse de que lles comezan a cobrar máis polo IBI de solos que ninguén vai facer uso urbano ao estar ao carón da propia industria).
Ademais do BNG, veciños e veciñas a título individual e a propia asociación veciñal de Castro alegaron na redacción do novo PXOM polo mesmo. Ningunha das alegacións foi respondida mais si se iniciaron obras de consolidación e cortado un vial público desde hai meses que hoxe continúan.
“Preocúpanos que non haxa información e que non se avise do que se pretende. Hoxe hai unha sentenza que declara ilegal a cementeira e tamén a súa construción nun solo que, cando se fixo nin sequera pertencía a un polígono” declara Olaia Ledo, voceira municipal do BNG e insiste “isto non só afecta a Castro, afecta a todo Narón e ademais de que non podemos permitir a sensación de impunidade para uns poucos e máis cando a saúde das veciñas e veciños está en xogo”