Reclamamos unha nova política de vivenda en Narón
Presentamos unha moción no pleno para frear o prezo dos alugueiros, facilitar o acceso á vivenda social en Narón, e iniciar un plan para a mocidade.Ademais desta moción, no BNG iniciamos unha campaña, continuada no tempo, para informar dos problemas de acceso á vivenda na nosa cidade e das políticas transformadoras que propomos para que o dereitos a unha vivenda digna sexa unha realidade para todos e todas.
O acceso á vivenda constitúese nun dos máis graves e importantes problemas sociais en Narón. Tanto polo prezo da vivenda; a situación de alugueiros fora da legalidade que rematan sendo vivendas da SAREB; a suba do prezo nos últimos dous anos; falta de vivenda social en réxime de alugueiro da Xunta de Galiza; ausencia de plan de acceso de vivenda xuvenil e unha falta de políticas públicas que fan que fondos voitre estean a quedar con parte do parque de vivendas baleiros que en Narón son arredor de 3.200. Por todo isto, o BNG inicia unha campaña para dar cumprimento ao seu programa electoral “no que reclamamos unha política de acceso á vivenda xuvenil e no que o concello impulse un Observatorio de Vivenda para a monotorización da evolución do mercado inmobiliario. Hoxe, alugar unha vivenda na nosa cidade implica ter en moitos casos un aval bancario e pagar até seis meses de fianza como coñecemos dalgunhas persoas da zona” declara Olaia Ledo, portavoz municipal do BNG de Narón.
Ademais, desde o BNG denunciamos que a SAREB seguen a enviar cartas a diferentes familias para que abandonen vivendas de contratos de alugueiro que teñen de maneira legal como aconteceu nas vivendas de Piñeiros “a diferenza que agora o fan de maneira individual e a xente atópase sen saber a onde acudir” indica Ledo. Na presentación da moción e propostas acompañounos Pablo Melaski, que fora portavoz das vivendas afectadas da Praza do Asilo en Piñeiros pola SAREB e que agora axuda a persoas que en Narón pasan por esa situación “Narón deixou de ser unha cidade para a xuventude pouco ao pouco e, o concello, non o viu vir ou deixaron que fose así. Penso que é necesario recuperar vivendas baleiras e darlles oportunidades de emancipación á mocidade, cara o futuro da nosa cidade. Ademais, os fondos voitre fan que os prezos suban o que lles dea a gana, moi por riba dos salarios e a vida. Queremos un concello onde o prezo da vivenda non supoña o 50% da nómina”