Propoñemos ao goberno municipal converter os lavadoiros en centros de memoria etnográfica e un tributo ás mulleres

IMG_9823
Propoñemos ao goberno municipal converter os lavadoiros en centros de memoria etnográfica e un tributo ás mulleres

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón conseguimos o ditame favorable na comisión informativa para a nosa moción sobre a posta en valor das fontes e lavadoiros do concello. A proposta, que debese ser ratificada no pleno do mes de abril, busca dar un paso definitivo para evitar que este patrimonio caia no esquecemento e na ruína.

A nosa voceira, Olaia Ledo Díaz, defende que estes elementos da arquitectura popular son "os arquivos da memoria etnográfica das mulleres de Narón". A moción subliña que a recuperación física —limpeza e mantemento— debe ir acompañada dun contido social que renda tributo ao traballo historicamente invisibilizado das mulleres. O BNG xa presentaramos unha moción no 2023 para a súa conservación e tres anos despois facémolo cun programa de posta en valor “por desgraza nestes tres anos perdeuse a oportunidade de coidalos, a meirande parte deles son inaccesíbeis ou están comidos polo mato a pesar dos esforzos da veciñanza das parroquias por mantelos” declara Ledo.

O acordo inclúe tres eixes fundamentais para transformar estes espazos en museos vivos ao aire libre: dinamización Cultural (transformar os lavadoiros en espazos de divulgación histórica e centros de interpretación, sinalética con Memoria (instalación de paneis con fotografías antigas, códigos QR con contido audiovisual e testemuños directos das veciñas sobre a vida comunitaria nestes puntos de encontro e, obradoiros Interxeracionais, (realización de xornadas de recollida de memoria oral nas parroquias para documentar a historia non escrita de Narón, implicando tanto á xente nova como aos maiores)

O obxectivo final é crear unha Ruta da Memoria que percorra todo o territorio de Narón, poñendo en valor a nosa propia historia dende as súas raíces ademais de actualizar o mapa actual do concello que, despois de falar coas veciñas e veciños puidemos comprobar que está incompleto. Concellos do BNG xa teñen feito este traballo con fondos e axudas preparadas para este fin polo que a parte económica non pode ser escusa e se a poñen que den un paso ao lado e deixen traballar a quen temos ideas

 

Propoñemos ao goberno municipal converter os lavadoiros en centros de memoria etnográfica e un tributo ás mulleres