Denunciamos a intransitabilidade de pistas en Pedroso por un recheo dunha canteira da que se descoñecen os permisos
Preocúpanos a falta de transparencia do goberno de Narón e o abandono que ten coas parroquias rurais. Na actualidade, veciños e veciñas de Pedroso puxéronse en contacto co bloque nacionalista galego para denunciar un “suposto” recheo nunha canteira de barro en desuso sita na Aldea Pedra. Esta canteira está preto da escombreira de Megasa, antiga canteira de arxila, denunciada anteriormente polos recheos. Debido ao tránsito de camións cara esta canteira de barro as pistas da contorna están totalmente instransitables nesa zona, mais que camiños xa son lameiras. Por iso, desde o BNG rexistramos para que o concello nos informe dos permisos que existen para este “suposto” recheo e se saben da situación que existe nos viais que, agás para os camións que pasan con terra e entullos, é impracticable. “Estivemos nos viais e ademais de impracticables, a circulación polos mesmos para vehículos pequenos representa un perigo. Reclamamos unha limpeza inmediata e coñecer o que se está a facer”, indica Geno Carballeira, concelleiro.
ALEGACIÓN NO PXOM AO RESPECTO DE MÁIS DUN ANO
Alegamos no Plan Xeral e levamos a pleno a situación da escombreira de Megasa, denunciando a contaminación do lugar e a inacción do Concello ao respecto. Reclamamos unha resposta a unha alegación “de hai ano e medio no que pedimos que non se declare como infraestrutura o que é un depósito de residuos nunha antiga canteira. As empresas e o concello deben cumprir ” e denunciamos que “agora vese agravada a falta de transparencia por parte do concello cando se fan traballos nunha canteira paralela sen que se coñeza o seu fin”.