Damos voz ás queixas da veciñanza de Doso polo abandono e esquecemento desta parroquia por parte de TEGA

Damos voz ás queixas da veciñanza de Doso polo abandono e esquecemento desta parroquia por parte de TEGA

No consello territorial de Doso, celebrado o pasado día 13 de abril, a veciñanza denunciou a situación de abandono e esquecemento ao que o goberno municipal de TEGA ten sometida a esta parroquia. A falta de investimento público na mesma é unha constante, ao igual que a falta de mantemento, e a sensación de que o pouco que fan o fan mal.

Denuncian a falta de comunicación por parte do goberno coa veciñanza, sobre todo ao non ser informados, nin tan sequera a asociación de veciños A Naveira, da situación do proxecto de cubrir a pista polideportiva, demanda histórica desta parroquia. Hai un compromiso asinado co grupo municipal do BNG que o goberno actual pretende gardar nun caixón coa escusa de que a Xunta de Galiza non o permite, pero a realidade é que cunha modificación do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) sería viábel e parece que non hai vontade política por parte do goberno de levar adiante este trámite administrativo.

Outro conflito histórico nesta parroquia é o local social, que se fai pequeno, e se trasladou hai anos a necesidade de facer un novo, pedindo a veciñanza que fose na contorna da pista polideportiva para así poder facer un punto de reunión para a xente de todas as idades, desde as crianzas até os nosos maiores. E isto leva a pensar na dinamización social, cunha oferta por parte do concello de actividades culturais nas parroquias e coa colaboración do mesmo para as festas.

A falta de investimentos é clara, pero tamén a falta de mantemento xa que as fontes e lavadoiros están en moi malas condicións e algo que sempre pide o BNG é a recuperación e posta en valor do noso patrimonio; a contorna da igrexa vella; a Ruta dos Muíños ao seu paso pola parroquia; o mantemento das vías de circulación; a nefasta construción da senda peoníl que acumula auga e vértea cara as casas cando chove moito; problemas coa recollida do lixo... por todo isto no BNG iniciamos unha campaña para que o goberno de Marián Ferreiro actúe de inmediato con investimentos en todos os eixos: sociais, económicos e culturais en Doso.

Damos voz ás queixas da veciñanza de Doso polo abandono e esquecemento desta parroquia por parte de TEGA